Presenza-Opinión / Europa
|
||
Noruega, fracturas no paraíso Por Xosé Manuel Figueiras (Xornal, 17/09/2005) |
||
As propostas de Kjell Bondevik, no tocante á redución dos impostos e mellora da educación e a sanidade, non tiveron resonancia suficiente e foron contrarrestadas polas inquedanzas da sociedade con respecto ó reparto da riqueza e a inmigración. A pesar de todo, ao ex-primeiro ministro, Kjell Bondevik, resultaralle difícil encaixar que unha maioría social, aínda que axustada, lle dese as costas. Certo presentou a dimisión, que non se fará efectiva ata outubro, pero logo de queixarse amargamente dos seus desagradecidos compatriotas, que unha vez instalados na cima do benestar, retíranlle a confianza dunha maneira tan estrepitosa. A confianza perdida en Kjell Bondevik, decorreu por dúas canles ben distintas. Unha primeira, que levou á reelección de Jens Stoltenber, quen xa tivera un paso fugaz pola dirección do executivo noruegués entre o 2000 e 2001, como primeiro ministro da coalición de esquerda dirixida polos laboristas. Dúas, a expresada en forma de voto de protesta da dereita populista, representada polo Partido do Progreso (FrP), de Carl Hagen, quen non descartaban participar nunha coalición de dereita se o anterior primeiro ministro era derrotado. Este último partido, o FrP, adquiriu unha forte presencia entre mozos e retirados. E aínda que nega calquera tipo de paralelismo coa Fronte Nacional francés, o certo é que ampárase en tódalas cuestións que suscitan inquietude para transformalas en viveiros de sufraxios. Así, cunhas cotas do 4,5% de paro, conseguen seducir a aqueles electores máis disconformes coa inmigración e recoller os votos necesarios para situarse como segundo partido máis votado, despois dos laboristas. A estratexia do FrP ten liñas causais claras, establecendo conexións entre a inmigración e o incremento dos niveis de crime, e postulando a selección dos inmigrantes, especialmente para dificultar a chegada de individuos de “culturas remotas”. Dende a minoría de orixe paquistaní, a máis representativa das minorías do país (arredor de 25.000 ou 30.000 persoas), erguéronse numerosas voces de protesta. Pero é que ademais, o FrP é o único partido que propón o uso das ricas reservas petroleiras norueguesas, para sufragar outras necesidades actuais como a sanidade ou o coidado dos anciáns, contradicindo a política de Fondo de Reserva establecida en 1990, estimada nun valor de entre 140 a 170 millares de euros, dos que tan só se utiliza o 4%,para economizar pensando no futuro das pensións. Con este dereita populista cun nivel de respaldo do 21,2%, que a sitúa como a segunda forza máis votada, a esquerda laborista ten por diante difíciles retos. A hecatombe dos conservadores e democristiáns, deixou o camiño achandado para que o partido de Carl Hagen e as súas propostas determinen boa parte do debate político nesta opulenta sociedade. Por outra banda, o Partido Laborista, habituado a gobernar en solitario durante catro décadas, vai ter que entrar en diálogo coa Esquerda Socialista (SV) -que baixou pero segue sendo relevantes-, e os centristas. A SV é un aliado complexo para o goberno, pois defende postulados ben distantes tanto en materia exterior como en política interna. Por exemplo, tradicionalmente, son contrarios tanto á UE como á OTAN e o atlantismo proestadounidense, ou opóñense á construción de centrais térmicas a gas por consideralas contaminantes e a realizar novas prospeccións petroleiras no mar de Barents. Pero Stoltenbergh sabe impoñerse. Xa o demostrou no 2001, cando os desastrosos resultados electorais non acabaron coa súa carreira política, senón que foron seguidos dunha cruenta batalla polo liderado do partido laborista. Finalmente conseguiu renacer e saír victorioso, superando a Thorbjørn Jagland. En calquera caso, Stoltenbergh, considerado o Toni Blair noruegués, parece estar situado ideoloxicamente á dereita do seu partido, o que pode amplificar a confrontación no seo da coalición de goberno. Do equilibrio e bo entendemento que poidan establecer nesa coalición, vai depender tamén a evolución do respaldo electoral da extrema–dereita. |
||
|
||
|
||
Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional www.igadi.org ÚLTIMA REVISIÓN: 20/09/2005 |