Presenza-OpiniónVolver ó índice / Europa
Vitoria cantada de Tony Blair
Por Xosé Manuel Figueiras (A Nosa Terra, 28/04/2005)
 
 

  Tony Blair, clic para aumentar
Tony Blair, que dende uns ollos profanos non parece moi distinto dun “progre” militante do Partido Popular, é, a pesares do idilio iraquí con Bush, un socialdemócrata británico que gañará con toda probabilidade de novo as eleccións.
 
A “Belle époque” de Tony Blair, como antes doutros dirixentes tanto no Reino Unido como no exterior, resulta da combinación de estratexias encamiñadas a contentar a máis ampla base de electores, nun equilibro complexo de liderado –onde se lle dá un uso estratéxico ás polémicas que afianzan a imaxe do líder ós ollos da opinión–, bonanza económica e control do propio partido.

Blair, que coa súa chegada acuñou o que el chamou a terceira vía, é froito do especial contexto británico. Un caldo de cultivo que é moi difícil por non dicir imposible, de recrear en calquera outro estado europeo. Dicimos isto, en vista da percepción excepcional que se ten nas illas do contexto económico e social, e dun sistema político moi distinto, onde prima a satisfacción do local e da estabilidade.

Dunha banda, o entendemento do publico e do privado, no Reino Unido, non ten punto de reflexo en ningunha parte do continente, e son obvias as influencias transatlánticas, aínda que é certo que os británicos compartiron con alemáns, en maior grao de afinidade, a entelequia do mercado, a concepción da competitividade e incluso do mercantilismo, do que cos franceses, os seus eternos rivais.

Asemade, aspectos concretos como a flexibilidade laboral, mecanismos como o salario mínimo, ou o uso dos contratos temporais ou de tempo parcial, nin se utilizaron nin se entenderon da mesma maneira. O dinamismo da economía británica, e o afán emprendedor é maior que no continente, e iso non hai quen llo negue.

Froito disto, Tony Blair, que dende uns ollos profanos non parece moi distinto dun “progre” militante do Partido Popular, é, a pesares do idilio iraquí con Bush, un socialdemócrata británico que gañará con toda probabilidade de novo as eleccións.

Dende 1997, levou adiante un amplo programa de reformas sen que dende fora sexa amplamente perceptible, tapado por políticas macroeconómicas que impulsan a inversión, o “boom” urbanístico e a especulación. Pero tamén un innegable crecemento que repercutiu en maiores ingresos nas arcas do goberno da súa maxestade, o que concede polo tanto, posibilidades de investimentos e de reformas nos servizos sociais, na educación e na sanidade- os piares da política laborista-, sen grandes incrementos no nivel impositivo. É dicir, sen atacar á masa de votantes que apoiou tradicionalmente a Margaret Thatcher e ós conservadores que a seguiron.

Sendo así as cousas, resulta que Blair conseguiu algo que ninguén no laborismo tiña acadado e que representa un bo exemplo a seguir para outros pretendentes do poder no entorno da democracia liberal moderna: contar cos teus votantes tradicionais, atacando a base de votantes alleos. O que lle permite o luxo de renunciar a unha importante cantidade de desencantados, sen medo de sentir na caluga o alento da oposición.

Blair, durante estes anos só tivo unha prioridade: o crecemento. A campaña de imaxe de José María Aznar, co famoso “España va bien”, era froito dos spin doctors británicos. Blair, sabe que sen creación de recursos só poden agromar problemas. Por iso só foi esta a súa prioridade. A partir de aquí tratouse de innovar.

Asegurado o crecemento, que ademais contou cun ciclo de expansión internacional que favoreceu as pretensións laboristas, e rodeado de eficientes economistas como Gordon Brown- que viaxa polo país xunto co primeiro ministro facendo campaña e provocando algunhas risas-, conseguiu neste anos unhas cotas de crecemento que bateron records.

Unha mestura de pragmatismo e creatividade, levou ós laboristas a crear axencias que combinan o publico e privado dunha forma intelixente. E os resultados danlle a razón, pois non é só que o gasto en sanidade se incrementase un 7,25% ou o de educación en 5,75%, senón que a mellora destes servizos parece real aínda que a día de hoxe, sexa mellorable. A inseguridade nas escolas xa non é portada habitual dos xornais, e as listas de espera reducíronse, ó igual que os accidentes de tren.

En definitiva, nestes anos o goberno Blair, fixo unha campaña daquelo que un amigo meu chama “marketinismo”, non sen razón. É dicir, identificou as demandas dos usuarios, que alí enténdense como clientes que pagan - aínda que nas empresas españolas como Renfe lles pareza infumable-, e intentou satisfacelas con imaxinación, sabendo que había recibir o pago ó final da lexislatura. Polo visto identificáronse 122 necesidades, das que 22 foron persoalmente seguidas polo Prime Minister, e seguiuse a máxima de que os servizos non poden ser xulgados mais que pola calidade coa que se ofrezan.

A lóxica para entender este sistema de detección de necesidades cidadáns non é doutro mundo. Basease no uso do parlamento, das demandas dos colectivos sociais e das presións das portadas da prensa diaria.

Calquera que teña asistido a unha sesión do Westminster (o Parlamento británico) verá, non sen sorpresa, que se fala de asuntos que por veces parecen rozar a estupidez. E que se afastan do interese xeral. Eu mesmo, escoitei unha discusión sobre a xestión dun hospital concreto na rexión centro de Inglaterra, onde se falou de que era necesario un mellor acceso. Por pouco falan do menú, ate chegar á conclusión de que facía falla renovar o equipamento. Tamén se tratou dunha escola noutro dos condados.

Entre as dificultades para entender algúns parlamentarios de marcado acento escocés, deducíase que o importante non é a fame en Somalia nin o último atentado en Bagdad, senón o servizo de recollida de lixo nos Highlands, porque para algo falamos da política interna dun estado. O resto, tende a clasificarase todo, como solidariedade.

 
 

Xosé Manuel Figueiras,
analista do Igadi.

Clic para aumentar
 
Volver ó índice

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 01/05/2005
Fernando Pol