Presenza-Opinión / Europa
|
||
A primeira derrota de Sócrates Por Xulio Ríos (A Nosa Terra, 13/10/2005) |
||
¿Tendencia sólida ou ocasión illada? O PS enfrontaba estes comicios coa vista posta na necesidade de asegurar posicións e consolidar boa parte do terreo gañado ao PSD, especialmente forte no poder local, unha empresa accesible pero difícil e complicada nos últimos meses cunha xestión complexa á fronte do goberno, con escasa sensibilidade para acompañar os dramas sociais e ambientais e, pola contra, amosando un inflexible empeño para impor medidas de axuste duro que xeraron amplo repudio en numerosos colectivos que se mobilizaron activamente contra a política do executivo. A extraordinaria ocasión de que dispón o PS corre o risco de converterse nun simple episodio conxuntural que non bote raíces. O goberno Sócrates foi castigado electoralmente, pero dispón de escasa marxe de manobra para mudar de política. Non obstante, cabería agardar unha moderación dos ritmos das reformas, cando menos ata a celebración dos comicios presidenciais, previstos para xaneiro de 2006. Unha segunda derrota, aínda sen afectar á estabilidade do goberno que semella garantida, situaría ao PS e ao seu líder nunha incómoda posición, condicionando as súas posibilidades de actuación. O PS deberá meditar a súa política e acertar no candidato a presentar, un punto moi controvertido. O PSD, pola contra, resistiu xenerosamente e sae fortalecido do proceso electoral. Como sinalou o seu líder, Marques Mendes, produciuse o reencontro dos portugueses co seu partido, a penas sete meses despois de ser duramente derrotado. O trunfo do PSD pode animar a Cavaco Silva a candidatarse ás presidenciais de xaneiro, revalidando seriamente as posibilidades de triunfo. Se ningún dos grandes obxectivos destas eleccións foi acadado polo PS, outra cousa cabe dicir da outra esquerda, a representada pola CDU e o Bloco, que conseguiron manter sólidas posicións, confirmando a existencia dunha base social que acompaña unha xestión difícil pero coherente co seu discurso programático e virada cara a cidadanía. Aínda a sabendas de que os datos das municipais non son extrapolables, o PS deberá reflexionar sobre a estratexia a seguir nos próximos meses. A sociedade portuguesa demostrou unha vez mais que sabe castigar electoralmente a quen defrauda as expectativas. O PS non soamente debe elixir agora entre Mario Soares e Manuel Alegre, os dous principais candidatos por esta formación para as presidenciais, a sabendas de que sexa un ou outro, van precisar do apoio do Bloco e da CDU, senón que debe repensar a súa política. De non xirar á esquerda, a dereita seguirá recuperando terreo. |
||
|
||
|
||
Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional www.igadi.org ÚLTIMA REVISIÓN: 12/10/2005 |