Presencia-Opinión / Asia
|
A tentación nipona Por Xulio Ríos (ECO, marzo de 2005) |
Despois da guerra fría, consentiuse, co paraugas da ONU, a participación en operacións de mantemento da paz, como as rexistradas en Camboxa ou en Timor Oriental, moi en especial sempre no entorno rexional máis próximo. Foi o primeiro paso para ir alterando as bases da súa política de defensa e exterior, rebentando progresivamente o que ata entón foran auténticos tabús. O gran salto prodúcese en Iraq en 2003 coa escusa perfecta de asumir maiores responsabilidades na loita contra o terrorismo internacional. Tokío conta con tropas militares sobre o terreo e por primeira vez na súa historia recente, desenvolve accións que en modo algún poden ser cualificadas de humanitarias nin contan co paraugas de lexitimidade de Nacións Unidas. As tropas niponas participan directamente en labores de apoio a EEUU, contribuíndo á normalización e control da rexión de Samawa, no Sur xiíta do país. Este cambio de actitude de Xapón, moi controvertido ante unha opinión pública na que prenderan os ideais pacifistas, deixa atrás a tradicional política do talonario, á que se viña reducindo a súa participación en caso de conflicto. Xapón financiaba os esforzos de guerra de EEUU ou doutros países occidentais, como aconteceu na primeira guerra do Golfo cunha achega estimada de trece mil millóns de dólares. Pero, por dicilo cunha palabra de moda, ese compromiso carecía de visibilidade. O primeiro ministro Junichiro Koizumi, pola contra, valéndose da necesidade de expresar unha máis firme solidariedade co agredido aliado estadounidense, promove un esforzo orzamentario e unha nova doutrina de defensa que aspira a confirmalo como o mellor aliado asiático de Bush, proxectando outros obxectivos como ese buscado asento no Consello de Seguridade. Para explicar esta mudanza tan radical poderiamos argumentar tres razóns principais. A primeira é que o mundo cambiou e xa non é o da guerra fría e a posición política de Xapón non se corresponde coa súa dimensión económica. O dividendo da paz, unha vez mais, parece perderse se non se encamiña pola senda do belicismo. En segundo lugar, está o problema do contencioso coreano. Koizumi, que aposta por unha solución pacífica da disputa nuclear nesta península, argumenta que a mellor disuasión é aquela que sexa crible polos adversarios. En terceiro lugar, a emerxencia chinesa, o seu maior desafío en termos estratéxicos, e unha potencia coa que as rivalidades históricas e xeopolíticas son innegábeis. O orzamento militar de Xapón é, caladiñamente, o terceiro do mundo hoxe e o seu arsenal, tanto naval como balístico, está sendo reforzado. Pero non hai ameaza nipona, senón chinesa. A discusión sobre o seu futuro na orde da defensa está totalmente aberta: dende a nuclearización do arquipélago ata o recurso aos ataques preventivos, emulando a Washington. ¿Para preocuparse? Quizais si, non? |
Xulio Ríos es director del IGADI. |
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 11/02/2005 |