Presencia-Opinión ![]() ![]() |
||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Novos mercados a gañar Por Ângelo Gonçalves Vicente (ECO, marzo/2006) |
||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Poñamos cifras na mesa. A Lusofonía representa máis de 222 millóns de persoas no mundo e manexa aproximadamente a 50ª parte do PIB mundial. O PIB lusófono creceu, atendendo aos datos do Banco Mundial, a un ritmo medio de 4% entre 2000 e 2004, con Mozambique e Angola como puntas de lanza, con crecementos medios de 7,36% e 7,03% respectivamente durante ese período. Constitúe, pois, un mercado considerábel con perspectivas de crecemento notábeis que chegan mesmo a ser espectaculares: segundo publicaba o xornal portugués Público o pasado 9 de febreiro na súa versión electrónica, espérase que o crecemento de Angola durante o 2006 se sitúe arredor do 20%! Na Lusofonía está Brasil, economía emerxente con espectacular potencial que, entre outras cousas, podería vir a ser o principal produtor mundial de bio-combustíbeis, substitutos limpos e renovábeis do petróleo, segundo ten aseverado o propio presidente Lula. Na Lusofonía está Angola, segundo maior produtor de petróleo da África Subsahariana. Na Lusofonía está Macau, porta de entrada para a China, nin máis nin menos. Na Lusofonía está Mozambique, país co maior crecemento mundial do turismo no ano 2005 segundo a Organización Mundial do Turismo, tendo ultrapasado o número de visitantes do 2004 en 37%. A Lusofonía é costa, quilómetros e quilómetros de costa para os nosos mariñeiros e armadores. “Da minha lingua vê-se o mar” dicía o escritor portugués Vergílio Ferreira. A Lusofonía é necesidade de edificios, de estradas, de universidades, de tecnoloxía, de coñecementos técnicos do máis diverso tipo... para os nosos empresarios e profesionais especializados. A Lusofonía é tamén necesidade básica, de comida, de bebida, de medicina... para a nosa cooperación ao desenvolvemento. A Lusofonía é actividade cultural intensa e heteroxénea coa que nos enriquecer, e tamén mercado cultural para os nosos artistas: escritores, músicos, pintores... A Lusofonía é paraíso para o lecer e para o noso descanso: as praias caboverdianas, en permanente verán, con temperaturas ambientais entre 20ºC e 25ºC e temperaturas da auga entre os 21ºC e os 25ºC durante todo o ano; o Centro Histórico de Macau, declarado Patrimonio da Humanidade pola UNESCO en 2005; o espectacular carnaval brasileiro... Poñamos aínda algún exemplo máis, só algún, do que Galicia está a perder por non considerar unha estratexia de aproximación a este universo: o audiovisual galego perdeuse o Imargens, festival lusófono de cinema que tivo lugar en Cabo Verde no pasado mes de decembro; os empresarios galegos probabelmente se perderán un interesante encontro entre empresarios chineses e empresarios de toda a Lusofonía que terá lugar en Lisboa nos próximos 10 e 11 de abril; a selección galega de fútbol e outras que poderían ser creadas probabelmente se perderán os primeiros Jogos da Lusofonía, que decorrerán en Macau no próximo mes de agosto e que incluirán: Atletismo, Baloncesto, Tenis de mesa, Voleibol de praia, Taekwondo, Fútbol Sala e Fútbol. Tendo en conta que este último deporte contará tamén con seleccións de Brasil, Portugal e Angola, países de primeiro nivel mundial. Galicia ten, en fin, practicamente as mesmas posibilidades de aproveitamento da Lusofonía que pode ter calquera país lusófono. Con dúas vantaxes que a fan única na Lusofonía e que lle poderían abrir, quizá, máis portas que aos demais países: Galicia é un país desenvolvido e Galicia non foi a metrópole imperial da Lusofonía.
|
||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
|
||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
![]() ![]() |
||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
![]() Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional www.igadi.org ÚLTIMA REVISIÓN: 18/02/2006 |