Presenza-Opinión Volver a TitularesVolver a Presenza/Europa/ Europa
Presidenciais portuguesas: dous resultados chamativos
Por Ângelo Gonçalves Vicente (Vieiros, 30/01/2006)
 
 

  Manuel Alegre, clic para aumentar
A vitoria de Manuel Alegre foi relativa, mais existiu. Venceu ao candidato oficial do PS, con cuxa escolla estaba descontento, abrindo unha pequena crise no socialismo portugués, do que tamén fai parte, que pode ser maior en función do aproveitamento que dos resultados presidenciais queiran facer Manuel Alegre e quen o apoiaron.
 
No pasado 22 de xaneiro tiveron lugar en Portugal unhas eleccións presidenciais que, no mínimo, deixaron dous resultados extraordinariamente chamativos: na dereita ideolóxica, Cavaco Silva atinxiu 50,59% dos votos, cando hai a penas un ano, nas anteriores lexislativas, o voto total da dereita ficaba ben por baixo do 40%; na esquerda, Mário Soares, candidato do principal partido e, por tanto, chamado a ser o máis votado, foi derrotado por Manuel Alegre, que concorría ás eleccións sen apoio partidario. E foi ben derrotado, ao ter obtido o primeiro 14,34% dos votos e o segundo 20,72%.


Chaves para a vitoria de Cavaco Silva

Primeiramente cómpre dicir que Cavaco gañou, esencialmente, porque parte do electorado do Partido Socialista decidiu votar nel e non nos candidatos de centro-esquerda. E isto dedúcese do feito de Cavaco ter obtido 675.651 votos máis nestas presidenciais que o PPD/PSD e o CDS-PP, a dereita portuguesa, nas anteriores lexislativas e do feito de Alegre e Soares teren sumado 685.261 votos menos nestas presidenciais que o PS nas lexislativas. Pódese ver que a suba da dereita é moi semellante á baixada do centro-esquerda polo que, se ademais se concorda con que é máis fácil que a volatilidade electoral para a dereita se produza desde o centro-esquerda e non desde posicións máis á esquerda, resulta simple de asumir a premisa con que comezaba este parágrafo.

A cuestión que resta por esclarecer será, pois, esta: por que unha parte dos votantes do PS nas lexislativas decidiu dar a vitoria a un candidato da dereita só un ano despois? E a resposta deberá ser esta: nomeadamente, para castigar o PS.

A primeira razón que os ex-votantes do PS tiñan para castigalo residía na elección de Mário Soares como o seu candidato para as presidenciais. Un Soares que xa tiña sido Primeiro-Ministro e Presidente da República, e que a ollos dos portugueses xa dera todo o que tiña para dar ao país. Un home, ademais, cuxos 81 anos (perante os 66 de Cavaco) facían difícil considerar que puidese ser unha persoa con ideas novas capaces de contribuír para levar Portugal a un tempo mellor, a un futuro que permitise esquecer un presente, xa demasiado longo, de crise socioeconómica, e tamén psicosocial, permanente.

A segunda razón para castigar o PS tiña a ver coa mudanza parlamentario-gobernamental que as lexislativas de hai un ano estableceron, tendo pasado o PS de estar na oposición a ter maioría absoluta na Assembleia da República e, por consecuencia, a formar goberno.

Acontece que cando unha mudanza tan importante como esta ocorre, as persoas que a fixeron posíbel, que neste caso foron, nomeadamente, as que votaron no PS, teñen unhas expectativas extraordinariamente elevadas que nunca poden ser totalmente satisfeitas, o que provoca unha frustración que é especialmente intensa nos primeiros tempos e que pode levar a querer castigar o partido visto como culpábel da mesma en datas electorais cronoloxicamente próximas.

Así sendo, a vitoria de Cavaco nas pasadas presidenciais pode ser, en parte, vista como un aviso para o PS: “Ollo! Agardábamos máis de vós”.


Chaves para a “vitoria” de Manuel Alegre

A vitoria de Manuel Alegre foi relativa, mais existiu. Venceu ao candidato oficial do PS, con cuxa escolla estaba descontento, abrindo unha pequena crise no socialismo portugués, do que tamén fai parte, que pode ser maior en función do aproveitamento que dos resultados presidenciais queiran facer Manuel Alegre e quen o apoiaron.

A primeira razón para esta vitoria foi precisamente a errada escolla do candidato realizada polo PS, como xa foi explicado anteriormente, polo que agora non nos estenderemos máis. Con todo, quizá sexa a segunda razón a que teña máis interese. Consiste esta na ausencia de apoio partidario a Manuel Alegre, o que se quixo facer ver como unha ruptura cos partidos políticos resultando, á vista dos resultados, un acerto. É isto, con certeza, o que xustifica que unha das opcións que baralla a que foi a equipa de Manuel Alegre para estas presidenciais como posibilidade nun futuro inmediato sexa a constitución dun movemento social, plataforma cívica ou algo semellante.

Así e todo, se como se especula aquí, parte do éxito da candidatura de Alegre tivo a ver co desgaste dos partidos tradicionais a ollos da sociedade portuguesa, estase ante un chamado de atención ao sistema partidario luso e, por extensión, ao réxime e sistema políticos, pois as democracias representativas aínda non saben funcionar sen partidos.

Quizá sería bo que desde os partidos do Alén-Miño se fose pensando nun reachegamento á sociedade, promovendo novas vías de captación e canalización de demandas populares. Ou quizá sexa o momento idóneo para a emerxencia dalgún novo partido.

 
 

Ângelo Gonçalves Vicente,
coordinador do
Observatorio Galego da Lusofonía e analista do Igadi.

Ângelo Gonçalves Vicente, clic para aumentar
 
Volver a TitularesVolver a Presenza/Europa



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 30/01/2006
Fernando Pol


Subir