Presenza-Opinión Volver a TitularesVolver a Presenza/Europa/ Europa
Belarus sen “revolución de cores”
Por Roberto Mansilla Blanco (Xornal, 01/03/2006)
 
 

  Anatoly Lukashenko, Nusurltan Nazarbayeb, Vladímir Putin e Viktor Yushenko, clic para aumentar
Dentro dun contexto xeopolítico, Belarus experimenta tamén a silenciosa puxa entre EEUU, Europa Occidental e Rusia polo control de áreas de influencia no espazo ex soviético. Lukashenko converteuse no presidente máis prorruso dentro do espazo da Comunidade de Estados Independentes mentres Occidente busca, infrutuosamente, que Belarus siga o mesmo exemplo de Xeorxia e Ucraína. (Na imaxe se observa, de esquerda a dereita, a Anatoly Lukashenko, ao presidente kazajo Nusurltan Nazarbayeb, ao presidente ruso Vladímir Putin e ao mandatario ucraíno Viktor Yushenko, no cumio da CEI en agosto de 2005).
 
O próximo 19 de marzo Belarus celebrará eleccións presidenciais dentro dunha conxuntura decisiva para o futuro político do espazo ex soviético. O presidente Anatoly Lukashenko, no poder desde 1994, aspira a unha terceira reelección, confiado tras do seu triunfo no referendo de outubro de 2004, que determinaba a posibilidade de que o mandatario bielorruso puidera postularse para un novo período presidencial. Cálculos electorais aparte, todo semella indicar unha nova e contundente vitoria para Lukashenko.

A diferenza dos turbulentos acontecementos de Xeorxia, Ucraína e Kirguizistán, en Minsk non semella probable unha repetición do proceso político denominado “revolución de cores”, tendente a construír os mecanismos para mudar o liderado tradicional postsoviético, baixo o verniz da democratización. Neste sentido, a oposición bielorrusa, cuxo líder é o físico Aleksandr Milinkevich, amósase distanciada, desunida e con pouca aceptación popular. Por tanto, resulta difícil prognosticar se Belarus coñecerá unha versión propia do ucraíno Viktor Yuskenko ou o xeorxiano Mikhail Saakashvilli.

Diante da debilidade da oposición, existen diversos factores que fortalecen as opcións de Lukashenko. Contraria á convulsionada transición política no espazo ex-soviético, Belarus ven experimentado un certo nivel de estabilidade e orde, principalmente pola inexistencia de diferenzas étnicas ou nacionais no seu territorio, a normalidade económica e o forte autoritarismo do poder central, manifestado tamén nunha estratéxica mestura de populismo e nacionalismo antioccidental.

Para fortalecer o seu poder, o presidente bielorruso promoveu a recuperación dos servizos secretos e de seguridade da etapa soviética, cunha marcada intimidación e represión a todo vestixio opositor. Sen embargo, as tácticas autoritarias non son a única estratexia de Lukashenko, quen segue a ser un líder con sólido apoio popular, principalmente nos sectores dos pensionistas (que reciben as pagas con total normalidade), a clase económica vinculada aos negocios gobernamentais, e mesmo nunha boa parte dos mozos, que o perciben como un líder forte e estabilizador.

Para redondear este panorama, a economía experimentou no 2005 un notable crecemento, con baixas taxas de desemprego. A inesperada bonanza económica desalenta as demandas de apertura democrática, fomentada tamén pola sensación social de medo, frustración e resignación ante o sólido e represivo poder presidencial.


A “guerra fría” en Minsk

Dentro dun contexto xeopolítico, Belarus experimenta tamén a silenciosa puxa entre EEUU, Europa occidental e Rusia polo control de áreas de influencia no espazo ex soviético.

Para EEUU e a Unión Europea, confiados tralos éxitos alcanzados principalmente en Kiev e Tbilisi, semella urxente apoiar a Milinkevich. Pero isto formula un dilema contraditorio: a pesar de que a debilidade da oposición é un fait accomplit, a opinión pública occidental aplica todo un proceso de illamento do goberno de Lukashenko, acusado polo Consello de Europa de violar os dereitos humanos, de facer desaparecer ou meter na cadea a opositores. Velaí o corte da axuda financeira a este país, principalmente tras da aprobación por parte do goberno estadounidense da Belarus Democracy Act en outubro de 2004.

Neste sentido se localiza a estratexia do presidente George W. Bush quen, no marco do seu discurso do estado da nación de xaneiro de 2004, non dubidou en cualificar ao réxime de Lukashenko como unha “avanzada da tiranía” e considerando a Belarus como parte dun ampliado “eixe do mal”. Precisamente, en Washington trazaron esta estratexia de illamento diante da profusión de contactos políticos e militares de Lukashenko con Siria, Irán e Sudán desde finais de 2004. Outro elemento decisivo para o illamento estadounidense a Lukashenko, foi a pública defensa que este fixera de Slobodan Milosevic e Saddam Hussein, diante da a Asemblea Xeral da ONU en setembro pasado, ou as críticas contra un sistema mundial unipolar dominado por Washington.

En Washington se aprobou un gasto de 11,8 millóns de dólares no 2005 para promover a democracia en Belarus (se espera que, no 2006, este gasto medre ata os 12 millóns de dólares), mentres organismos como a National Endowment for Democracy, N.E.D. e o partido Republicano, a traveso de Terry Nelson, líder da campaña presidencial Bush-Cheney 2004, financiaban e se reunían con Milinkevich e membros da oposición na veciña Lituania, para formular estratexias que conducisen a un levantamento popular contra Lukashenko, aducindo a posibilidade dun fraude electoral o próximo 19 de marzo.

Pola súa banda, en Bruxelas se decidiu outorgar un contrato de 2.4 millóns de dólares á empresa alemá Media Consulta, para difundir noticias dentro de Belarus e poder así contrarrestar a censura oficial que se lle fai ao bloque de información occidental. O Ministerio de Exteriores alemán e o organismo británico Westminster Foundation for Democracy (vinculado ao N.E.D estadounidense) financian unha organización denominada Khopits, cuxa finalidade é a “guerra informativa secreta” contra Lukashenko, a quen a opinión pública europea constantemente cualifica como o “último ditador de Europa”.

Coñecedor das estratexias occidentais, Lukashenko responde coa represión das mensaxes opositoras así como a detención dos seus militantes, mentres publicamente acusa, non sen razón, a EEUU e Europa de crear un complot contra do seu goberno que propicie a súa eventual caída. Pero a evidente perdedora desta situación é a sociedade bielorrusa e as súas carencias democráticas.

Se a aposta occidental é clara, a de Rusia non deixa de ser menos relevante. Lukashenko é o presidente máis prorruso dos mandatarios das repúblicas ex soviéticas, razón pola que recibe un trato comercial preferente por parte do seu principal aliado económico. Esta estreita relación política e comercial se amplía ao sector enerxético, tal e como se puido observar en xaneiro pasado durante a crise entre Rusia e Ucraína.

Dentro deste contexto, a estatal rusa Gazprom obtivo a compra da infraestrutura petroleira bielorrusa, o cal garante o tránsito do gas natural ruso cara a Europa e baixos prezos enerxéticos para Minsk, así como a total presenza do monopolio ruso nas empresas enerxéticas bielorrusas.

Paralelamente ás eleccións presidenciais en Belarus, Ucraína celebrará comicios lexislativos, onde o líder da “revolución laranxa”, o presidente Viktor Yushenko, agarda serios contratempos diante da destitución do seu gabinete, a desintegración do seu bloque político e un aumento do descontento social que podería beneficiar ao candidato prorruso Viktor Yanúkovich, derrotado nas eleccións de decembro de 2004. Con Belarus aparentemente asegurado como aliado, Moscova afina a súa estratexia de recuperar espazos de poder no corredor euroasiático, freando a competencia occidental.

 
 

Roberto Mansilla Blanco,
analista do Igadi.

Roberto Mansilla Blanco, clic para aumentar
 
Volver a TitularesVolver a Presenza/Europa



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 01/03/2006
Fernando Pol


Subir