Presenza-OpiniónVolver a TitularesVolver a Presenza/Cuba / Cuba
Cuba: cuestión de saúde
Por Roberto Mansilla (Xornal, 03/08/2006)
 
 

  Raúl Castro, clic para aumentar
Aínda que se concrete unha recuperación física de Fidel, os resortes do poder semellan garantidos en torno ao seu irmán Raúl (na foto). Non obstante, Raúl Castro resulta ser un enigma como máximo líder, co cal probablemente deberá mudar o particular estilo carismático e retórico do seu irmán Fidel. Na gráfica se observa a Raúl Castro ondeando unha bandeira cubana durante unha manifestación no 2002.
 
Semella difícil atopar un proceso de cambio de mando tan longamente anunciado e repleto de especulacións como o que se presenta actualmente en Cuba. O anuncio da cesión “provisional” do poder de Fidel Castro ao seu irmán Raúl estase a interpretar como o final dunha era política e o nacemento dunha nova etapa de cambio. Pero, a pesar do histórico do anuncio, estas interpretacións non deixan de amosar sinais de esaxeración.

Cómpre matizar e aplicar a prudencia nun asunto tan delicado como a Cuba pos-Fidel. Aínda que a mensaxe postoperatoria, presuntamente asinada por Fidel Castro, anuncie síntomas de estabilidade, para ninguén é un secreto que a saúde de Fidel Castro e un serio asunto de Estado en Cuba e que, en torno ao mesmo, bailan toda serie de especulacións e certezas. Velaí o secretismo oficial e a medición calculada das mensaxes sobre o seu verdadeiro estado de saúde.

Fidel está a piques de cumprir 80 anos e, trala súa traxectoria revolucionaria clandestina e de 47 anos de autoritario poder, resulta obvio que o seu estado físico e psíquico presenten complicacións e desgastes que urxen a formular un inmediato escenario de sucesión. Neste sentido, o anuncio de cesión de poderes confirma os mecanismos decididos no V Congreso do Partido Comunista de Cuba, PCC, en 1997: deixar o total control ao seu irmán Raúl, de 75 anos.

Desde hai varios meses era un secreto a voces na Habana que algún tipo de cambio estaba por acontecer na cúpula dirixente estatal e do PCC. O inédito caso de que, por vez primeira, os cubanos espertaran sen Fidel na alta dirección nacional ten un significado máis simbólico que efectivo. A preparación de Raúl como sucesor era unha evidencia nos derradeiros meses, a tenor da súa constante presenza en discursos e actos públicos así como en xiras internacionais.

Aínda que se concrete unha recuperación física de Fidel, os resortes do poder semellan garantidos en torno ao seu irmán Raúl. Non obstante, Raúl Castro resulta ser un enigma como máximo líder, co cal probablemente deberá mudar o particular estilo carismático e retórico do seu irmán Fidel.

Agora ben, resulta obvio que o repentino ascenso de Raúl e a intervención médica de Fidel permitan espallar toda serie de informacións e especulacións sobre o futuro inmediato de Cuba. Á prudencia inicial de Washington e da disidencia cubana contrástase coa desmesurada manifestación de xúbilo nas rúas de Miami e outras cidades onde habita o éxodo cubano, síntoma de percepcións apresuradas e desesperadas por parte dunha diáspora que ven perdendo peso político nas decisións que se tomen respecto ao futuro de Cuba.

Aínda que non semella ser unha prioridade da súa actual política exterior, resulta evidente que en Washington esperan fomentar un cambio rápido na cúpula dirixente cubana e propiciar a formación de grupos políticos afíns a unha transición similar á experimentada na Europa do Leste poscomunista. O problema xurde ante a hexemonía política do PCC e as Forzas Armadas Revolucionarias, FAR, dentro da sociedade cubana e a división da disidencia, tanto interna como externa, no relativo a qué tipo de transición resulta necesaria para a Cuba posfidelista.

Se as presións externas dende Washington e o exilio cubano de Florida, non terminen resultando decisivas para determinar o futuro político cubano, Raúl Castro e o presumible “triunvirato no poder” exercido por Felipe Pérez Roque, Carlos Lage e Ricardo Alarcón, iniciarán un prolongado proceso de transición, tutelado polo PCC, e tendente a aplicar unha especie de “modelo chinés” en Cuba: apertura económica capitalista con gradual e controlada apertura política.

A economía e as relacións con EEUU, especialmente en materia do embargo comercial, serán a prioridade de Raúl e o seu goberno en caso de que, como semella amosar a actual situación, esteamos a ollar os primeiros momentos da Cuba post-Fidel.

 
 

Roberto Mansilla Blanco,
analista do Igadi.

Roberto Mansilla Blanco, clic para aumentar
 
Volver a TitularesVolver a Presenza/Cuba



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 03/08/2006
Fernando Pol


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta