Presenza-Opinión Volver a TitularesVolver a Presenza/Europa/ Europa
De París a Minsk
Por Roberto Mansilla Blanco (Xornal, 22/03/2006)
 
 

  Seguidores de Alexander Milinkevich, clic para aumentar
As rúas de Minsk, capital bielorrusa, foron o escenario das concentracións dos opositores a Lukasenko, con cifras que oscilan entre as 4.000 e as 15.000 persoas. Sen embargo, e a pesar de que existe unha estratexia externa por revalidar a experiencia ucraína de decembro de 2004, que permitiu a caída dun goberno prorruso, a oposición anti-Lukasenko nas rúas comezou a minguar progresivamente co paso das horas. (Foto: Seguidores de Alexander Milinkevich concentrados na Praza Central de Minsk o 21 de marzo de 2006).
 
Dúas crises, Francia e Belarus, ocupan actualmente a atención europea. No caso francés, unha polémica medida gobernamental, o Contrato do Primeiro Emprego, afonda nas consecuencias da precariedade laboral e provoca unha rebelión estudantil con posibilidades de folga xeral. No caso de Belarus, é a xeopolítica a que está en xogo, ao mellor estilo da “guerra fría”, aínda que revestida baixo o verniz da democratización.

Os protagonistas destas crises están no centro do poder nos seus respectivos países. Por unha banda, o presidente bielorruso Aleksandar Lukasenko asegura gañar con extremada contundencia as eleccións presidenciais do seu país, mentres a oposición denuncia fraude, avalada pola activación dunha estratexia de acoso e illamento político e económico por parte de EEUU, da Unión Europea, así como de organismos internacionais como a OSCE e a OTAN. Tan só a veciña Rusia manifesta o seu apoio a un réxime acusado de autoritarismo e de represión, a pesar da súa ratificación nas urnas.

As rúas de Minsk, capital bielorrusa, foron o escenario das concentracións dos opositores a Lukasenko, con cifras que oscilan entre as 4.000 e as 15.000 persoas. Sen embargo, e a pesar de que existe unha estratexia externa por revalidar a experiencia ucraína de decembro de 2004, que permitiu a caída dun goberno prorruso, a oposición anti-Lukasenko nas rúas comezou a minguar progresivamente co paso das horas. En Belarus se detecta un pulso entre Moscova, Washington e Bruxelas por controlar zonas xeopolíticas (en materia militar e enerxética) dentro do antigo espazo ex soviético. Pero as “revolucións de cores” de Ucraína e Xeorxia semellan non ter cabida, polo de agora, en Minsk.

O caso francés presenta un panorama diferente. No centro da polémica se atopa o primeiro ministro Dominique de Villepin, cuestionado pola aplicación dunha impopular reforma laboral que permite ao empresario despedir aos menores de 26 anos sen causa xustificada. A controvertida medida afecta directamente á imaxe e ás posibilidades electorais de Villepin para o 2007.

En principio, os estudantes de ensino medio e universitarios tomaron as rúas de París e doutras cidades, con cifras que oscilan entre o medio millón e o millón de manifestantes en total. Os sindicatos e partidos de esquerda se uniron ás demandas estudantís e valoran a posibilidade de convocar a unha folga xeral.

Belarus e Francia, ou Lukasenko e Villepin, que tanto ten, dous países e dous políticos acosados por forzas de distinta orixe. No caso bielorruso, a caída de Lukasenko máis ben semella ser un obxectivo planificado dende Washington e Bruxelas. Pero a súa consolidación no poder apunta directamente aos obxectivos rusos de salvagardar un estratéxico aliado, aínda que iso implique defender as derivas autoritarias do seu socio.

No caso francés, a crise se manifesta nun claro rexeite social das medidas de Villepin, que se infiltra nas diversas capas sociais, principalmente da clase media. A impopularidade do primeiro ministro baterá fortemente nas súas pretensións presidenciais do próximo ano. Pero a crise francesa revela síntomas sociais máis fondos, localizados no descrédito das súas elites políticas, na ausencia de proxectos alternativos, nas dificultades polas que atravesa o estado social do benestar e nun proceso de atomización social.

Non sabemos con certeza se Lukasenko e Villepin se manterán no poder ou se ben caerán produto destas sendas crises. Pero os escenarios que se presentan auguran o comezo dun temporal primaveral que tamén posúe serias connotacións políticas. Ambos os dous, son retos aínda por definir para o conxunto de Europa.

 
 

Roberto Mansilla Blanco,
analista do Igadi.

Roberto Mansilla Blanco, clic para aumentar
 
Volver a TitularesVolver a Presenza/Europa



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 26/03/2006
Fernando Pol


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta