Presenza-Opinión / Oriente Medio
|
||||||||
Martirio libanés Por Roberto Mansilla Blanco (Vieiros, 24/07/2006) |
||||||||
Como colofón a este dantesco escenario, que momentaneamente deixa 300 civís mortos e medio millón de desprazados á fronteira siria, os países occidentais afondan esta situación de guerra a gran escala a traveso de polémicos apoios directos ao conflito e unha ineficaz política de negociación e pacificación. O caso máis característico provén de EEUU, para quen a ofensiva israelí é unha necesidade imperiosa para artellar o seu fracasado plan para o Gran Oriente Medio. O presidente George W. Bush reforza a estratexia israelí, que é tamén a súa propia, alentado polas voces neoconservadoras que instan non só a ocupar o Líbano senón a chegar ata Damasco e Teherán. Como no seu catastrófico cálculo anterior en Bagdad, para a Casa Branca o camiño de Damasco semella agora pasar por Beirut. Ao frontal apoio estadounidense a Israel engádese a inoperante posición europea, que pide un cese ao fogo mentres culpa unicamente ao movemento islamita libanés Hezbollah e ao seu homólogo palestino Hamas, como culpables da crise. Esta posición susténtase nada menos que nas palabras do ministro de Exteriores español, Miguel Ángel Moratinos, un ex negociador de paz en Oriente Medio de quen se agardabe unha declaración máis atinada coa realidade. Todos estes factores deixan por lado a traxedia que está a vivir a poboación libanesa, como tamén sucede dun xeito simultáneo coa palestina, e as consecuencias que isto pode ter no seu delicado mosaico étnico e relixioso e no complicado panorama en Oriente Medio. Os ataques da aviación israelí a Beirut e outras cidades destrúen infraestrutura civil e provocan numerosas vítimas mortais, con ducias de desprazados nunha e noutra zona, alterando a convivencia entre as comunidades, principalmente xiíta, sunnita e cristiá, que están a sufrir os rigores desta criminal ofensiva. Logo da súa retirada militar do sur do Líbano en maio de 2000, tras 18 anos de presenza militar, e a posterior retirada de efectivos militares e colonos do territorio palestino de Gaza en agosto de 2005, o Tshal ou Exército israelí precisaba recuperar a súa posición estratéxica, impulsada por unha opinión pública que, aletargada por ambas retiradas militares, considera que se estaba a fortalecer a posición política de Hezbollah e Hamas. Do mesmo xeito, en Tel Aviv existe consenso en aplicar unha política de fixación definitiva das fronteiras terrestres de Israel cos seus veciños árabes. Esta perspectiva é compartida por unha gran maioría da opinión pública israelí, na que os sectores moderados está a debilitarse. Paralelamente, en EEUU e na Unión Europea apoian esta estratexia de Olmert, principalmente por considerar a Hezbollah e Hamas como grupos terroristas, a pesares de que ambos obtiveran triunfos electorais democráticos tanto no Líbano como en Palestina. Noutra perspectiva, Siria e Irán, principais apoios externos para Hezbollah e Hamas, ingresan na crise libanesa dun xeito indirecto, pero con intereses específicos á hora de medir a súa posición xeopolítica. Para Teherán, a crise libanesa supón un escenario que debilita momentaneamente a presión occidental cara o seu programa nuclear, así como permite unha posible alternativa para reforzar o seu papel xeopolítico. Pola contra, Siria analiza o conflito libanés como unha avanzada final da política de acoso occidental cara o réxime de Bashar al Asad, trala caída do seu homólogo Saddam Hussein en Iraq. Velaí a necesidade de reforzar a alianza político-militar con Irán. Ambos factores apuntan a analizar a fortaleza de Hezbollah dentro do Líbano e, probablemente, no mundo islámico. Como único movemento capaz de afrontar a agresión israelí, mesmo atacando territorio dese país, o movemento islamita pode aumentar o seu peso político interno e externo, a traveso das simpatías de milleiros de musulmáns. Paradoxalmente, a Hezbollah favorécelle a debilidade política e militar do presidente libanés Emil Lahoud. Tras da retirada militar siria no 2005, auspiciada pola ONU logo da explosión dunha crise sociopolítica interna, o Líbano amosou a súa indefensión diante de calquera agresión externa, como se observa actualmente cos ataques israelís. Só o Hezbollah se erixe como o principal grupo de defensa nacional. Con tantos actores neste tráxico escenario, o Líbano semella retornar aos seus anos máis escuros da guerra civil entre 1975 e 1990. Como acontece con todas as guerras, é a poboación civil a que paga as peores consecuencias do fracaso da política. |
||||||||
|
||||||||
|
||||||||
Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional www.igadi.org ÚLTIMA REVISIÓN: 24/07/2006 |
||||||||
|