Presenza-Opinión / Latinoamérica
|
||||||||
Pobre México! Por Roberto Mansilla (Xornal, 04/09/2006) |
||||||||
Seis anos despois, a decepción deixa o espazo para a inquietude. As pasadas eleccións presidenciais de xullo non amosan un claro e definido gañador. A esquerda de Andrés Manuel López Obrador acusa ao Instituto Federal Electoral de cometer un “fraude contra o voto popular”, optando pola vitoria do candidato oficialista do PAN, Felipe Calderón. Mentres se contaban os votos de algúns distritos nacionais, as mobilizacións na rúa, presións políticas e ata un escuro vídeo que xustificaba unha conspiración política contra López Obrador, deixan paso a todo tipo de conxecturas e especulacións. A última hora o Instituto Federal Electoral declarou gañador a Calderón, aínda que López Obrador non recoñeza este resultado e anuncie a conformación dun “goberno paralelo”. Outro escenario é Chiapas, un dos estados mais empobrecidos onde medrou o movemento guerrilleiro indixenista Exército Zapatista de Liberación Nacional do subcomandante Marcos. As pasadas eleccións rexionais do domingo 21 de agosto afondaron esta sensación de indefinición electoral a nivel nacional. O Instituto Electoral aínda non recoñece un gañador, entre o candidato do partido de López Obrador e unha alianza entre o PRI e o oficialista PAN. A indefinición en Chiapas, onde o EZLN advirte sobre a renovación da loita armada tralo fracaso das negociacións de país e o ascenso do “odio social”, é un síntoma claro da enfermidade política que está a vivir México. Paralelamente, no estado de Oaxaca, unha folga de profesores converteuse nunha repentina explosión social, coa conformación dunha Asemblea Popular do Pobo de Oaxaca, que as autoridades locais apresúranse en definir como un “grupo subversivo urbano armado”. A toma de estacións de radio e violentos enfrontamentos nas rúas complican un panorama social e político inquietante. México segue a ser un país atractivo para os investimentos estranxeiros e unha das economías máis puxantes non só do hemisferio occidental senón dos países en vías de desenvolvemento. Pero datos do Banco Mundial apuntan que, desde a entrada mexicana no TLC con EEUU e Canadá en 1994 (data de nacemento do EZLN), a pobreza medrou ata o 52% da poboación neste país de 104 millóns de habitantes. México está entre os cinco países con maior desigualdade socioeconómica, contando tamén con altos niveis de inseguridade cidadán. As alianzas políticas prevén un eixe PAN-PRI que evite o ascenso do movemento de López Obrador, a Coalición polo Ben de Todos. Con todo, México segue a experimentar un novo autoritarismo político, a persistencia operativa da corrupción e unha renovada tentación populista, perigosamente mesturado cun desencanto social que poden acabar transformándose en manifestacións con síntomas de violencia sociopolítica. Precisamente, o combate da pobreza, obxectivo político de López Obrador, e a urxencia dunha reforma política democrática que permita crear institucións transparentes e de confianza, son as prioridades dun México que, panorama 2006, desgárrase nunha conxuntura de polarización e fractura, cunha sensación de fracaso trala transición post-PRI de 2000. |
||||||||
|
||||||||
|
||||||||
Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional www.igadi.org ÚLTIMA REVISIÓN: 04/09/2006 |
||||||||
|