Presenza-Opinión / Oriente Medio
|
||||||||
Al-Zarqaui, unha vez máis Por Xosé Luís Franco Grande (A Nosa Terra, 15/06/2006) |
||||||||
Outros pensan que Al-Zarqaui non pesaba moito na realidade. Rosemary Hollis, experta no Oriente Medio do Institut Chatham, de Londres, escribiu: “Os americanos fixeron de Al-Zarqaui o inimigo número un por unha razón: atribuír a Al Qaeda máis cousas das que esta era verdadeiramente responsable”. E James Denselow, experto do mesmo Instituto, di que o xordano “era unha mensaxe tan só para uso dos americanos e do público occidental”. Le Monde, do día 9, sinalou que a pequena vitoria da eliminación de Al-Zarqaui é ben pouca cousa en comparanza cos éxitos que tivo, entre os que salienta a verdadeira guerra civil que hoxe hai no Iraq, chegando a manter que estableceu unha semente moito máis preocupante para os gobernos de Washington e Bagdad que as mortes de soldados e policías. Porque é moi dubidoso, pensamos nós, que ese éxito sexa só do xordano, senón máis ben do conxunto de forzas de oposición aos invasores. Tanto Bush como Blair tiveron certa precaución de non falar dun grande éxito na súa loita contra o terror, pois saben ben que a morte do xordano non fará cambiar nada nesta guerra. Eles saben ben, por máis que non o digan ou traten de ocultalo, que o principal motor da violencia no Iraq, como escribiu Jeffrey White, especialista americano en información, “é a insurrección que é dominada por elementos do réxime deposto polos invasores, polos rebeldes e polos nacionalistas”. Como ben escribe Robert Fisk, a morte de Bin Laden non afectaría aos intereses de Al Qaeda agora que se consolidou como o seu creador e fundador. E a de Al-Zarqaui tampouco, por razóns semellantes: ao día de hoxe a insurxencia segue de seu un camiño ascendente, adquiriu vida propia e ninguén pensa que se combate eliminando a eses dous líderes. Outra cousa é que interese facelo por motivos de propaganda. Unha vez máis a primeira vítima da guerra é a verdade. |
||||||||
Xosé Luís Franco Grande é escritor. |
||||||||
|
||||||||
Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional www.igadi.org ÚLTIMA REVISIÓN: 25/06/2006 |
||||||||
|