Presencia-Opinión / Outros
|
En mundos desparellos Por Xosé Luís Franco Grande (A Nosa Terra, 16/02/2006) |
Vivimos en mundos desparellos, iso é evidente. Pero temos que ir comprendendo, por exemplo, que Bin Laden é feitura occidental. E non hai unha cultura nin tampouco un fundamentalismo en tirapuxa con outro fundamentalismo: o certo é que boas razóns estamos dando unha e outra vez para que este aviveza e se espalle e se anove, coa invasión de Iraq, coa ocupación de Palestina ou coas mesmas caricaturas de Mahoma, entre outros moitos aldraxes. ¿Que outra cousa poderiamos esperar? Unha cousa é que Dinamarca non se desculpe, e fai ben en non facelo, pois, como país libre que é, non ten que dar conta do que a súa prensa pense e diga; pero outra é que esta cometa o que non é máis ca un desleixo innecesario, unha lixeireza que non leva a ningures, unha babecada sen finalidade. Que iso o vexan doutra maneira os países musulmáns, por ser algo agardado e que ben se podería ter sospeitado sen moitas dificultades, pertence ao mundo da oportunidade ou da inoportunidade. A prensa danesa, se non foi moi oportuna, xa terá hoxe aprendida a lección. O mundo islámico aproveitou a ocasión que se lle regalou para, dende Marrocos a Indonesia, manifestarse contra quen os explota, os humilla e os aldraxa. Penso que hai detrás das revoltas o aguillón da política, iso parece fóra de toda dúbida, e non debe estrañar a ninguén, pois debemos velo como o máis natural. E xa se ve que esa política ten eco en todo o mundo musulmán –como, por outra banda, é lóxico que así sexa. Xa só faltaba que ademais de explotar, humillar e aldraxar esixísemos que nos traten con cortesía e que acepten a superioridade dunha civilización que, para eles, só serve para levar morte e desespero aos seus países. E nisto si que somos superiores. Pero é unha superioridade negativa porque a exercemos mal ou para o mal. Pero sempre para o noso proveito. |
.Xosé Luís Franco Grande é escritor. |
|
Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional www.igadi.org ÚLTIMA REVISIÓN: 26/02/2006 |