Presenza-Opinión Volver a TitularesVolver a Presenza/Europa/ Europa
A reforma da PAC: quen se beneficia?
Por Xosé Manuel Figueiras (Xornal, 11/01/2006)
 
 

  Euros, clic para aumentar
O desigual reparto dos subsidios outorga a un grupo de grandes empresas e produtores un poder desproporcionado. Hai máis de quince anos, o entón comisario de Agricultura, Ray MacSharry (na foto), defendeu a necesidade de reformar un sistema que concentraba o 80% das axudas no 20% dos produtores. Unha circunstancia que non parece ter cambiado substancialmente ata agora. (Foto: ©European Community).
 
O primeiro día do ano 2006, non só houbo reformas para os consumidores de tabaco. Tamén entraron en vigor, sen causar moito ruído, un conxunto de transformacións agrarias que se encadran dentro das medidas adoptadas no cumio europeo de Luxemburgo de xuño de 2003, onde os estados comunitarios renegociaban un marco novo de relación entre o orzamento comunitario e o imperativo de manter o agro europeo. No encrucillado dos intereses agrarios, nacido canda a Comunidade Europea, rebule tamén o benestar de miles de familias en Europa e do resto do mundo. Non obstante, parece que máis aló dos intereses xerais despunta algunha que outra inxustiza que merece a pena denunciar antes de proseguir adiante. Dunha banda, a dos estados membros que benefician á elite terratenente de cada quen. Por outro, a dos países exportadores agrarios máis opulentos que insolidariamente, con poucos exportadores pero máis eficientes, pretenden recortar as axudas repartidas agora entre os 25 estados membros, cando eles foron quen recolleron e seguen a pescar a tallada máis grande. E, finalmente, o fraude propagandístico que representa a “suposta” cooperación e solidariedade europea cos países máis pobres, nun momento en que os feitos desmenten tal vontade.

As melloras levadas adiante neste últimos anos encamiñáronse a reducir os prezos garantidos, é dicir, da protección en fronteira, e a incrementar as axudas directas por parte dos estados. Isto coñécese co nome de desacoplamento ou desvinculación das axudas, e reduce ou elimina a obriga de producir para cobrar, pois este era, en orixe, o mecanismo perverso que creaba os famosos excedentes agrarios europeos. De paso, este sistema traslada a carga financeira para costear as axudas, do consumidor ós contribuíntes. En 2003, produciuse unha nova negociación agraria, e esta tendencia acelerouse a través dos seguintes elementos:

- Adopción do pago único por explotación/hectárea; unha especie de “renacionalización” parcial do modelo, xa que concede ós estados membros liberdade para adaptar os pagos, tendo en conta que os estados sempre estarán a favor de calquera medida que supoña que o diñeiro se mova dende as súas mans, deixando suculentos intereses en cada demora.

- Reforzouse a condicionalidade das axudas ó cumprimento dunha serie de criterios de orde non produtiva, relacionados, en maior ou menor medida, co medio ambiente e a calidade dos alimentos.

- Modulouse a distribución das axudas, detraendo unha porcentaxe crecente dende o 3 ate o 5%, naquelas explotacións que reciban máis dunha determinada cantidade, porcentaxe que debe ir destinada ó desenvolvemento rural.

Os estados membros apostaron por unha considerable flexibilidade á hora de aplicar a nova reforma agraria aprobada en 2003, que pretendía recortar o peso da política agraria no conxunto da acción comunitaria pero, na práctica, o volume multimillonario das axudas segue tendo efecto sobre a produción, na medida en que supón unha bocalada de capital para os grandes produtores, perpetúa a inxustiza na redistribución das axudas a través de vinculación dos pagos futuros ó período de referencia histórica que se toma como referencia e, ademais, non limita a cantidade das axudas recibidas, ó non introducir un teito máximo de 300.000 € anuais como se propoñía nun principio.

Existe por tanto unha minoría que acapara unha gran porcentaxe das axudas agrarias de forma constante. A fin de contas, o desigual reparto dos subsidios outorga a un grupo de grandes empresas e produtores un poder desproporcionado. Hai máis de quince anos, o entón comisario de Agricultura, Ray MacSharry, defendeu a necesidade de reformar un sistema que concentraba o 80% das axudas no 20% dos produtores. Unha circunstancia que non parece ter cambiado substancialmente ata agora.


Quen gaña coa PAC?

Como norma xeral, a maior terra e produción, é dicir, canto máis rico, máis apoio público recibes. En 2003, o financiamento da PAC foi dun total de 44.379 millóns de euros, dos que 15.842 millóns chegaron ó Estado Español, correspondéndolle á agricultura, tan só en forma de pagos directos, preto de 6.500 millóns. A esta cifra había que sumalos recursos que o goberno español destina directamente ó sector agrario, e as transferencias realizadas polos consumidores europeos a través do sobreprezo que se paga polos alimentos que consumen e que en moitos casos non acaban no peto do agricultor, senón que quedan na bolsa dos intermediarios e distribuidores. En definitiva, o sector agroalimentario en España roldaría os 10.100 millóns de euros en axudas directas que, reiteradamente, lles corresponden a uns beneficiarios que, en moitos casos, permanecen no anonimato. As listas de beneficiarios da PAC no Estado español adoecen dunha opacidade considerable. Só tres comunidades autónomas (Castilla La Mancha, Extremadura e, recentemente, Andalucía) publican cada ano estes datos.

A pesares das expectativas que se poidan crear a cada reforma, a de 2003 consolidou os privilexios adquiridos no pasado por un grupo grandes terratenentes e por outros grandes perceptores no resto da UE, a través da instauración do período de referencia histórica.Un bo exemplo é Hermanos Hernández Barrera, que recibe 2.464.000 euros en axudas sendo un dos principais accionistas da compañía Ebro Puleva. Trátase dun exemplo claro de beneficiarios no sector das grandes transnacionais. Ebro Puleva SA, a sexta europea en volume de ventas e principal provedora española de azucre, arroz e leite líquida, xoga así coas cartas marcadas pois coa compra de Riviana nos EEUU abre rendibles perspectivas noutro mercado no que o subsidio medio por explotación se achega ós 200.000 dólares. En principio, non existe ningunha lóxica para establecer liñas de axuda a unha compañía de por si multisubsidiada.

Pola contra, cada ano desaparecen unha media de 37.000 explotacións familiares, 147.000 explotacións entre 1999 e 2003, en nome da concentración produtiva. A nivel medioambiental, o uso intensivo de recursos como o auga ou os fertilizantes, ameaza o hábitat e a biodiversidade en moitas rexións. Ademais, é preciso ter en conta ós agricultores dos países do Sur. Mentres non se abandone o modelo de apoio baseado na produción extensiva e non se concentren os esforzos na promoción das explotacións familiares, nos modelos de produción sostible para o medio ambiente e os consumidores, e no comercio xusto, perpetuarase o modelo do reparto desequilibrado das axudas, que mantén a marxinación das políticas de desenvolvemento rural e exclúe calquera forma de comercio equitativo cos produtores dos países en desenvolvemento, deleitándonos cun modelo leonino que erosiona a credibilidade das institucións comunitarias. Manter este sistema de subsidios, dana a confianza no compromiso de loita contra a fame e a pobreza e ameaza o futuro do rural europeo.

Neste panorama, cada Estado membro ampara ós seus protexidos. Tan só Dinamarca, Suecia e Inglaterra e tres rexións españolas ofreceron, polo momento, información sobre os máximos beneficiarios. Durante o 2005 uníronse Holanda e Bélxica, e espérase que Alemaña o faga durante o 2006. Recentemente, un rotativo británico, país onde se aproveita cada oportunidade para queimar todo arume europeo, apuntaba que algunhas das familias máis ricas do país reciben cada ano un xeneroso apoio por parte dos contribuíntes da Unión Europea. O Duque de Westminster obtén cada ano ó redor de 470.000 € en concepto de axudas agrarias; Sir Adrian Swire, recibe 300.000 € pola granxa de Oxfordshire; e o Duque de Malborough, 535.000 € euros anuais. No Estado español fálase dos sete magníficos da colleita dos subsidios, entre os que destacan os irmáns Mora Figueroa Domecq con 3.608.000 €; os irmáns Hernández Barrera, dos que se falou anteriormente con 2.464.000 €; Nicolás Osuna García, con 2.291.000 €; e Cayetana Fitz James Stuart e fillos, con 1.885.000 €, entre outros. Pola contra, en Francia, de lonxe o país máis beneficiado, a falla de transparencia é unha das maiores eivas á hora de tentar un escrutinio dos subsidios, e o Ministerio de agricultura négase, en nome do respecto á vida privada, a facer públicos estes datos. En agosto do 2005, abriuse un procedemento legal para que se facilite esta información. É o primeiro paso para avanzar na reforma.

 
 

Xosé Manuel Figueiras,
analista do Igadi.

Xosé Manuel Figueiras, clic para aumentar
 
Volver a TitularesVolver a Presenza/Europa



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 10/01/2006
Fernando Pol


Subir