Presenza-Opinión Volver a TitularesVolver a Presenza/Europa/ Europa
Europa sen baterías
Por Xosé Manuel Figueiras (Xornal, 17/01/2006)
 
 

  Vehículo Flex-fuel, clic para aumentar
A aposta polas enerxías renovables, seguras, e non contaminantes, está en boca de todos, pero sen o compromiso firme de ninguén. Un exemplo práctico son os automóbiles de hidróxeno ou os híbridos, contra a insistencia nos combustibles fósiles. O hidróxeno pode empregarse en motores de combustión interna, e xa existe un uso experimental por parte de empresas como Chrysler-BMW. Pero a entente entre as petroleiras, automobilísticas e os estados interesados nos impostos sobre os carburantes, funcionou ben ata o de agora, e dificultou a entrada de innovación e alternativas. (Foto: Os motores Flex-fuel poden funcionar con gasolina ou cun combustíbel no que o 85 por cento é etanol. ©European Community).
 
Adoitase evocar a Europa como un xigante con pes de lama, e non é necesario indagar moito para que as razóns saian a flote. Trátase dun problema con dúas variantes. Unha político-social, que inclúe a falla de compromiso coa unidade política, a preeminencia do egoísmo estatal, a competencia insolidaria polo reparto das axudas, a desconfianza ou falla de entrega cun ideal europeísta... que ó mesmo tempo se suma a outros problemas crónicos de orde material: unha realidade de limitacións materiais, entre as que destacan os déficits en R&D, co conseguinte atraso tecnolóxico e de competitividade, problemas de estancamento económico e desemprego, deslocalizacións, e profundas carencias en materia de defensa e, por riba de todo, a dependencia enerxética que preocupa de cara á competitividade futura, agora que as puxantes China e India, entre outros, ameazan con romper os esquemas da orde internacional.

As cifras da dependencia enerxética son máis que alarmantes: 45% de importacións de petróleo de Oriente Medio, cunha estimación que se achega ó 90% para o 2030, 40% de gas con carné ruso, que se cre sobrepasará o 60% despois do 2030, ou a tamén preocupante dependencia das importacións do carbón, por riba do 66% para 2030, son algúns indicativos que anuncian defunción, se non se toman as medidas oportunas. Nestes días pasados, a indixestión ruso-ucraína por culpa do gas, veu espertar algunhas adormecidas conciencias europeas, aquelas máis esgrevias á unidade de acción política continental. A desconfianza cara Rusia e acerca da estabilidade neste inmenso país, motivou o lanzamento dunha estratexia para implicala na vida económica internacional e garantir así o cumprimento dos compromisos, asegurando o acceso de Europa ós recursos petroleiros e gasísticos deste vasto territorio (que contén un terzo das reservas mundiais), asegurándolle crecemento a cambio de garantías no subministro.

Non obstante, o Diálogo Enerxético entre Rusia e a UE, que comezou en outubro do 2000, tivo un progreso escaso. As negociacións, a partires de catro espazos: económico, legal, de seguridade e investigación, avanzan como o sprint dunha tartaruga. Mentres, foronse sucedendo acordos bilaterais paralelos entre Rusia e algúns estados europeos que se descolgan dunha aproximación conxunta que daría prioridade a abrir o mercado ruso da enerxía e a mellorar un entorno económico que garanta as inversións, ademais dos compromisos co cambio climático e a seguridade atómica.

A estratexia europea, a pesares da lentitude, é sutil e seductora e sería bo que se aplicara con compromiso, solidariedade, e franqueza, e non simplemente con afán de garantir o subministro de gas, carbón ou petróleo. A dependencia dos combustibles fósiles obriga a un esforzo orzamentario para intentar promover a cooperación e a reforma nos países veciños, que a pesares de ser moralmente necesario, non nace dunha intención nobre de cooperación, senón que ven adulterado polas necesidades de subsistencia enerxética inmediatas. A Comisión Europea, deseñou unha estratexia para o caso, que utiliza accións operativas (Action Plans), e, a partires do 2007, o European Neighbourghood Partnertship Instrument, que está en discusión no Consello e no Parlamento Europeo, e que tece unha rede de interdependencia na que se poden enredar os países veciños con recursos extractivos de interese, para así facilitar as reformas necesarias que aseguren os investimentos europeos en contextos de inestabilidade, como poidan ser os países do Magreb ou mesmo Rusia.

No ámbito das perspectivas financeiras, a Comisión ten previsto gastar 15 billóns de €, do 2007 ó 2013, para incentivar as reformas políticas e económicas. Non hai, pola contra, seguridade acerca de como se gastarán eses recursos. Incluso pódese afirmar que é unha propina por un bo servizo, unha propina pagada polo consumidor.

Entón, que pasará cando se acaben os combustibles fósiles ou a dependencia sexa tan grande que se nos atragante o prezo a pagar? Pasaremos de chamarlle cooperación financeira a extorsión? Ou simplemente esta é unha estratexia que responde a unha necesidade de gañar tempo, mentres se aclaran as ideas e se actúa en consecuencia? De calquera maneira, intúese a necesidade de elaborar unha estratexia diferente, máis aló das necesidades curtopracistas das multinacionais. A aposta polas enerxías renovables, seguras, e non contaminantes, está en boca de todos, pero sen o compromiso firme de ninguén. Un exemplo práctico son os automóbiles de hidróxeno ou os híbridos, contra a insistencia nos combustibles fósiles. O hidróxeno pode empregarse en motores de combustión interna, e xa existe un uso experimental por parte de empresas como Chrysler-BMW. Pero a entente entre as petroleiras, automobilísticas e os estados interesados nos impostos sobre os carburantes, funcionou ben ata o de agora, e dificultou a entrada de innovación e alternativas.

 
 

Xosé Manuel Figueiras,
analista do Igadi.

Xosé Manuel Figueiras, clic para aumentar
 
Volver a TitularesVolver a Presenza/Europa



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 18/01/2006
Fernando Pol


Subir