Presencia-Opinión / Outros
|
||||||||
Contrastes Por Xulio Ríos (AGN, 20/03/2006) |
||||||||
Jacques Diouf, secretario xeral da FAO, declaraba recentemente en Río de Janeiro que o número de persoas por baixo do limiar da extrema pobreza crecerá en 100 millóns ata 2015, co que dificilmente se cumprirá a meta do milenio de reducción da pobreza á metade, que foi fixada hai dez anos. A alternativa, segundo Diouf, é investir na agricultura familiar, dado que o 75 por cento dos pobres viven en zonas rurais, e protexer o seu dereito á terra, cada vez mais en cuestión pola crecente presión sobre os recursos naturais en todo o planeta. Case simultaneamente ás contundentes palabras de Diouf, a revista Forbes publicaba a súa listaxe de milmillonarios. Cada vez son máis, en 2005 un 15% superior á listaxe de 2004, e cada vez son máis ricos. A fortuna estimada dos 793 milmillonarios incluídos na listaxe supera o PIB de Alemaña, a séptima economía do mundo. Ningún de África (sería espeluznante certamente que houbera algún); maioría de EEUU -o país seica máis empeñado na expansión da democracia polo mundo-, con 371; seguido de Europa, con 196; Asia e o Medio Oriente achegan 56; América Latina, 33. Tocados pola fortuna, Gates, Buffet, Mittal, Arnault, Abramovich, L'Oréal, etc, os nomes da riqueza, non son culpables de ser ricos. Aínda que o 0,7 das súas fortunas podería dar para arranxar algunha que outra cousa, quizais bastantes cousas, e sen deixaren de ser ricos, non se lles pode responsabilizar das desgrazas do mundo. A solución pasa polas persoas, pero se non queremos ser demagogos, haberá que convir en que a alternativa, de habela, debe ser estrutural. Un sistema que tolera e exacerba tan acusados contrastes será o único mundo posible hoxe, pero está lonxe de representar o mellor dos mundos posibles. E aínda contando con que a democracia política se estenda máis cada día, resulta inaceptable. |
||||||||
|
||||||||
|
||||||||
Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional www.igadi.org ÚLTIMA REVISIÓN: 19/03/2006 |
||||||||
|