Presencia-Opinión Volver a TitularesVolver a Presenza/Outros/ Outros
Defensas baixas
Por Xulio Ríos (AGN, 31/05/2006)
 
 

  Irene Khan, clic para aumentar
O vocabulario do informe de AI é extenso: homicidios ilegais, agresións, desterro, mutilacións... todo enmarcado nun contexto de privacións masivas que afectan a homes, mulleres e nenos, vítimas da corrupción e o desleixo dunhas autoridades que non dubidan en reprimir toda expresión de queixa ou oposición. (Foto: Irene Khan, secretaria xeral de Amnistía Internacional, na presentación do Amnesty International Report 2006).
 
A xeografía das violacións dos dereitos humanos é un compendio alarmante. O último informe de Amnistía Internacional describe un panorama bastante desolador, con poucos motivos para a esperanza, pese ó esforzo en situar algúns indicios de optimismo (Pinochet, Fujimori, etc) na feble, e controvertida, acción da xustiza internacional. Pero o retroceso experimentado en materia de dereitos civís a nivel mundial é un feito dificilmente cuestionable á luz dos datos e dos argumentos que AI pon sobre a mesa no seu informe anual.

O contraste entre os avances en materia de recoñecemento formal e incluso do arbitrio de instrumentos legais de protección, eidos nos que se plasmaron significativas melloras nos últimos anos, e o lento avance da realidade, é outra das conclusións que se desprenden do informe. En África, por exemplo, existe unha maior implicación neste tema a nivel de parlamentos, de entidades de integración rexional, etc, pero nin a escravitude desapareceu (aquí ó lado, en Mauritania), nin as múltiples e habituais transgresións levan trazas de ir a menos, tanto en situacións de paz como de conflito armado.

A tortura e o seu abuso sistemático medrou especialmente a partir da declaración da guerra contra o terrorismo. Basta unha sospeita para que en moitos países, mesmo nos “civilizados e democráticos”, alguén se autoadxudique unha carta branca para torturar en defensa do Estado. O recurso á tortura é especialmente grave e condenable. Pero o vocabulario do informe de AI é extenso: homicidios ilegais, agresións, desterro, mutilacións... todo enmarcado nun contexto de privacións masivas que afectan a homes, mulleres e nenos, vítimas da corrupción e o desleixo dunhas autoridades que non dubidan en reprimir toda expresión de queixa ou oposición.

A denuncia, outra vez e sempre, de Guantánamo non debe ocultar a hipocrisía da propia UE, recreada nos atributos dun “poder brando” cuestionado gravemente cando, a beneficio de Washington, fai a vista gorda en relación aos abusos cometidos polos propios estados membros. Son cuestións de principio, nas que os intereses e os servilismos, impropios en quen di militar nunha cultura humanitaria, deberían primar sobre outras consideracións. AI tamén o di.

A primeira misión dun goberno debe ser a protección de todos os dereitos humanos. É errado pensar que socavando os dereitos humanos reforzase a seguridade. Hoxe o mundo é máis inseguro, un organismo en perigo, pero porque ten baixas estas defensas e abdica da firmeza máis elemental.

 
 

Xulio Ríos,
director do Igadi.

Xulio Ríos, clic para aumentar
 
Volver a TitularesVolver a Presenza/Outros



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 31/05/2006
Fernando Pol


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta