Presenza-Opinión / Europa
|
||||||||
Polonia, á dereita de Deus Por Xulio Ríos (Xornal, 08/05/2006) |
||||||||
O artífice de tan peculiar entendemento foi Jaroslaw Kaczynski, o principal baluarte do actual goberno, presidente de Dereito e Xustiza (PiS), e irmán xemelgo de Lech, xefe do Estado. A esperanza de Jaroslaw é que deste xeito, garantindo a maioría numérica, poidan comezar a gobernar. Dende as eleccións do 25 de setembro, que resultaron nunha grave derrota para a esquerda polaca herdeira do POUP, esa carencia impediu o funcionamento normal do gabinete. Pero, poderá Andrzej Lepper, líder de Samoobrona e agora ministro de agricultura, sintonizar coa reforma agrícola auspiciada pola UE? Sen dúbida, as dificultades aumentarán. A titulo de exemplo, Stefan Meller, ministro de asuntos exteriores, non dubidou en presentar a dimisión de inmediato. En defensa, segue o atlantista Radoslaw Sikorski, de nacionalidade británica. Ademais de Lepper, a outra figura relevante do novo gabinete é Roman Giertych, quen asume o cargo de viceprimeiro ministro e responsable de educación. Giertych é coñecido polas súas diatribas contra a falta de moral na UE, condena a homosexualidade e o aborto e fixo sempre propaganda en favor da saída de Polonia da Unión, que está demasiado á esquerda para a súas conviccións. Na oposición, os liberais da Plataforma Cívica (PO), alertan sobre os riscos da incorporación da extrema dereita ó goberno e anuncian unha enganosa estabilidade que rachará ó mínimo contratempo. A PO negouse a pactar co PiS, visto o cariz da campaña das presidenciais do pasado outono. Mentras, a SdP (Socialdemocracia de Polonia) permanece virada para si mesma. A complexidade da sociedade polaca, a heteroxeneidade do seu mapa partidario, a influenza politicamente distorsionadora da igrexa, a forza do sector agrícola e a subsistencia de importantes problemas sociais, constitúen un abano de circunstancias con tal potencial desestabilizador que axexarán e incomodarán continuamente o novo gabinete. Claro que a inspiración divina pode deparar algún que outro un santo remedio. |
||||||||
|
||||||||
|
||||||||
Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional www.igadi.org ÚLTIMA REVISIÓN: 11/05/2006 |
||||||||
|