Presencia-Opinión / Outros
|
||
Relevo na ONU Por Xulio Ríos (A Nosa Terra, 02/03/2006) |
||
A axenda interna, como se evidenciou no recente Cumio da reforma, está practicamente bloqueada. E o papel de Nacións Unidas na defensa da legalidade internacional minguou de tal forma nos últimos anos que o balance da xestión de Annan dificilmente pode recoller aplausos. Falemos de paz, de dereitos humanos ou de desenvolvemento, as iniciativas están sobre a mesa, revelando impulsos e iniciativas benintencionadas, pero que non dan mellorado a credibilidade da ONU. Os retrocesos internacionais no ámbito dos dereitos humanos é un feito incontestable e gravísimo. O recente informe sobre Guantánamo, elaborado a instancias da propia organización, evidencia a raíz do problema. NNUU non pode dicir que non estea ao tanto. EEUU di que a ONU se desacredita con ese informe, pero en realidade o descrédito prodúcese por permitir que vaia directamente á trituradora de papeis, sen que ninguén se plante en New York. A creación dun novo Consello de Dereitos Humanos, que debería servir para impulsar unha viraxe nesta materia, permanece enfrascada en controversias entre os países desenvolvidos e os en vías de desenvolvemento, e nada permite asegurar que poida concretarse nas próximas semanas. Outro tanto pode dicirse da Comisión para a Consolidación da Paz. E se falamos dos obxectivos do milenio, un lustro despois de proclamados estes compromisos, máis ben modestos pese a tanto alboroto, todo indica que non se van cumprir en absoluto. Leo que a 30 de novembro de 2005, só o 7% dos préstamos do FMI foron destinados ao continente africano. Estamos en mans de perfectos saboteadores. Claro que todo este desolador panorama non é culpa do secretario xeral, pero del cabería agardar xestos e compromisos, maior empeño persoal, para non deixarse instrumentalizar polas grandes potencias e utilizar o cargo para decantar os límites e as consecuencias da indeferenza ante a transformación que está experimentando o mundo. A ONU ten un papel fundamental e único a desempeñar, pero tanto templar gaitas acaba por facerte odiar a música. ¿Que debería facer un secretario xeral cando a importante organización que preside recomenda o peche dun cárcere como Guantanamo e todos pasan olimpicamente do problema? Calquera cousa menos ser paciente e comprensivo. O problema final non é que o substituto de Annan sexa un europeo, un africano ou un asiático. Tampouco é que sexa indiferente a orixe, pois ese debate é revelador tamén das tensións existentes no sistema internacional, pero o transcendental sería dar con alguén coa convicción e a coraxe suficiente para estar sempre disposto a dimitir cando as receitas máis simples caen en saco roto. |
||
|
||
|
||
Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional www.igadi.org ÚLTIMA REVISIÓN: 01/03/2006 |