Presenza-Opinión / Latinoamérica
|
||||||||
Un país, dous presidentes Por Xulio Ríos (AGN, 27/11/2006) |
||||||||
O legado de Fox é un país en crise aberta, quizais macroeconomicamente estabilizado pero sen avances, coas grandes reformas pendentes, politicamente polarizado e cunha grave crise de seguridade arredor do narcotráfico. México rexistra a diario máis mortos por causa da droga que EEUU na guerra de Iraq. Ao conflito sen saída de Chiapas sumouse o de Oaxaca. A maiores, Fox, aumentando os prezos de artigos básicos (leite, gasolina, as tortillas, etc), iso si, despois das eleccións para non restar votos a Calderón, candidato polo seu mesmo partido, o PAN, deu azos a máis descontento social. O pronunciamento de López Obrador non é un brinde ao sol. No Zócalo, ante milleiros de persoas, prometeu impedir o programa de privatizacións de Calderón e defender unha política social. O seu gabinete na sombra, integrado por doce científicos e intelectuais, marcará de preto as accións do novo goberno. Arredor da protesta, López Obrador agrupa todo un movemento social que lle está a dar as costas á institucionalidade oficial. A actitude de Fox foi a de ignorar os requirimentos da oposición, e está por ver se esa vai ser a mesma actitude de Calderón, quizais confiando en que o paso do tempo peche as feridas. Un terzo da cidadanía deste país, cando menos, non lle recoñece a Calderón lexitimidade política para gobernar. Como destacaba o semanario mexicano Milenio, Calderón será, como moito, un semi-xefe de Estado. Por iso, a herdanza de Fox vai ser un pesado fardo para o seu sucesor e para toda a sociedade mexicana. |
||||||||
|
||||||||
|
||||||||
Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional www.igadi.org ÚLTIMA REVISIÓN: 25/11/2006 |
||||||||
|