Presencia-Opinión Volver a TitularesVolver a Presenza/Outros/ Outros
Frontex: política de muros
Por Manoel Santos (Galicia Hoxe, 14/10/2007)
 
 

  Axentes do Frontex no aeroporto de Frankfurt; clic para aumentar
Como moitos movementos sociais europeos, eu tamén penso que o Frontex é o organismo parapolicial que a UE creou para reprimir os sen papeis. E por moito que digan, non ter papeis non significa non ter dereitos. Os dereitos humanos foron creados para as persoas, non para os estados. A axencia de control de fronteiras –nome máis acaído– criminaliza a inmigración, educa as diferentes policías para controlala e fornece os estados de loxística para, por exemplo, as repatriacións forzadas. (Foto: Axentes do Frontex, policías polaca e búlgara, no aeroporto de Frankfurt).
 
Case desapercibida, pero non por iso irrelevante, pasou a nova de que a vicepresidenta do "Gobierno de España", Fernández de la Vega, acaba de negociar co anfitrión dos Azores, o discretamente indultado Durão Barroso, a creación de catro centros permanentes do Frontex, que é a axencia europea de xestión das fronteiras exteriores.

O de xestión é máis ca nada un nome, pois hoxe os fluxos migratorios non se xestionan. O que se fai realmente é control de fronteiras, que é diferente. Faise política de muros como no Sáhara, en México ou en Palestina, malia que estes non existan fisicamente. De feito, entre as actuacións tamén argallan a creación de patrullas permanentes de vixilancia polo litoral peninsular e o incremento do orzamento da axencia de 42 millóns de euros a 72 en 2008. Eses 30 millóns de máis están aínda conxelados, dependen de que o director do Frontex lle dea conta ao Parlamento “dos fracasos rexistrados e presente un plan que permita aumentar a súa eficacia operativa”. Aínda chegan moitos ilegais, e o que quere Europa é inmigración –capital humano chámanlle–, pero cualificada. Que os países en desenvolvemento queden sen as xentes que os poden facer despegar tanto lles ten.

Disque van crear sucursais do Frontex nas Palmas, en Alxeciras, en Valencia e, atención, na Coruña, co que os galegos e as galegas nos sumaremos oficialmente á represión da inmigración, traizoando dalgún xeito a nosa historia de pobo forxado na diáspora. E non na diáspora europea precisamente, pois foi fundamentalmente da Galiza de ultramar da que saíu boa parte do que hogano somos.

Como moitos movementos sociais europeos, eu tamén penso que o Frontex é o organismo parapolicial que a UE creou para reprimir os sen papeis. E por moito que digan, non ter papeis non significa non ter dereitos. Os dereitos humanos foron creados para as persoas, non para os estados. A axencia de control de fronteiras –nome máis acaído– criminaliza a inmigración, educa as diferentes policías para controlala e fornece os estados de loxística para, por exemplo, as repatriacións forzadas.

O caso é que no mundo hai hoxe uns 200 millóns de migrantes e imos a máis. A desesperación non entende de fronteiras. No entanto, investimos sobre todo en radares e vixilancia, o que causa máis mortes e non soluciona o problema.

 
 

Manoel Santos é director de altermundo.org e colaborador do Igadi.

 
Volver a TitularesVolver a Presenza/Outros



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 23/10/2007
Fernando Pol


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

 

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta