Presencia-Opinión / Cuba
|
||||||||
O cruzamento cubano Por Manoel Santos (Galicia Hoxe, 26/07/2007) |
||||||||
A confusión, mágoa incluso, creada pola doenza do comandante foi substituída pola lenta espera, porque o cubano sabe esperar, espera sempre, e logo pola tranquilidade de teren acceso coma nunca aos pensamentos da alma da revolución. Fidel escribe agora moi a miúdo no Granma e dalgún xeito isto fixo que o pobo se sinta máis achegado a el que cando dirixía o país. No entanto, en Cuba saben que tras case 50 anos de revolución os cambios están preto. A figura de Fidel é fundamental e que sen ela o devir político da grande das Antillas está a chegar a un cruzamento de camiños. Saben tamén que hai dúas cousas que non van acontecer cando o verde oliveira abandone o terreal para mudar en mito. Nin o sistema vai implosionar como a URSS, co desmoronamento da estrutura política dun día para outro, nin vai haber un desembarco do modelo de vida ianqui na illa. Serán eles, os cubanos, os que escollerán o camiño a seguir e están seguros que calquera intento de toma de poder dende Miami sería respostado, mesmo pola disidencia máis fera, coa volta á serra da poboación enteira. Mais o cruzamento está aí, con dúas opcións que teñen en China e Venezuela os seus modelos. O camiño chinés consistiría nunha lenta deriva cara o ultracapitalismo e a desigualdade, de aí que non son poucos os fillos da revolución que se esforzan en desacreditar o exemplo chinés e en explicar que a potencia oriental non é, hogano, un modelo comunista. E logo está Venezuela, a alternativa bolivariana, o socialismo ese do século XXI que aínda está por construír. É por isto que os herdeiros de Moncada din que hoxe a revolución cubana estase a xogar nas rúas de Caracas. |
||||||||
Manoel Santos é director de altermundo.org e colaborador do Igadi. |
||||||||
|
||||||||
Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional www.igadi.org ÚLTIMA REVISIÓN: 07/08/2007 |
||||||||
|