Presencia-Opinión Volver a TitularesVolver a Presenza/Outros/ Outros
Os estoxos de Novartis
Por Manoel Santos (Galicia Hoxe, 29/01/2007)
 
 

  Protestas en Nova Deli contra a patente de Novartis
Novartis xa encabezara en 2001, xunto a outras 38 farmacéuticas, unha demanda contra Suráfrica por violar o dereito de patentes. O “delito” era tratar aos doentes da Sida con menciñas baratas. A presión da sociedade civil, que puxo o prestixio das empresas contra as cordas, conseguiu axiña a retirada da demanda.
Glivec
Cunha menciña irrelevante como escusa Novartis pretende frear ao meirande produtor mundial de xenéricos de baixo custe, das que o 67% van parar a países en desenvolvemento.
 
Por mor da demanda interposta pola transnacional farmacéutica Novartis contra a Lei de Patentes da India fixen unha pesquisa polas webs dalgunhas destas macroempresas, que focalizan coma ningunha outra a carraxe dos defensores da xustiza global. As referencias aos seus supostos proxectos de axuda e acceso a menciñas nos países en desenvolvemento –PED– ocupan espazos prioritarios.

Evidentemente isto non é exclusivo do sector. Acontece tamén nas transnacionais da roupa, petroleiras, bancos, químicas, alimentos… Todas empregan poderosos mecanismos de propaganda e inxentes orzamentos para contrarrestar as acusacións sobre todo tipo de abusos ciscadas por innumerábeis movementos sociais e ONG, algunhas moi influentes nesa opinión pública que disque pronto será, logo dos Estados Unidos, a segunda potencia mundial.

Porén, lendo O libro negro das marcas, estremecedor documento de Werner e Weiss, un ben pode comprobar que o peso das farmacéuticas na tétrica arte empresarial dos excesos contra os desfavorecidos é abraiante. As acusacións: atrancos á fabricación e comercialización de menciñas básicas nos PED, análises clínicas non éticas, suborno de médicos, fraudes fiscais, expolio de recursos naturais, comercialización de menciñas ineficaces, etc.

O caso Novartis é extremadamente perigoso. Cunha menciña irrelevante como escusa pretende frear ao meirande produtor mundial de xenéricos de baixo custe, das que o 67% van parar a PED. Malia que a India está na OMC, e polo tanto baixo a lei de 20 anos para as patentes, a súa política é a de non conceder ningunha destas inhumanas exclusivas se non se trata dunha innovación clara. Por riba, é dos poucos países con capacidade para producir bos xenéricos a grande escala, polo que se Novartis gaña perigaría a vida de millóns de persoas. Anos de loita ao lixo.

Novartis xa encabezara en 2001, xunto a outras 38 farmacéuticas, unha demanda contra Suráfrica por violar o dereito de patentes. O “delito” era tratar aos doentes da Sida con menciñas baratas. A presión da sociedade civil, que puxo o prestixio das empresas contra as cordas, conseguiu axiña a retirada da demanda. Unha pequena vitoria –só válida para o país de Mandela– nun campo de batalla favorábel pola sensibilidade mundial coa enfermidade, pero vitoria ao cabo. Así que xa saben, miren ben os estoxos ao mercar na farmacia.

 
 

Manoel Santos é director de altermundo.org e colaborador do Igadi.

 
Volver a TitularesVolver a Presenza/Outros



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 31/01/2007
Fernando Pol


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

 

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta