Presenza-Opinión ![]() ![]() |
||||||||
A mala fama de Bush Por Xulio Ríos (A Nosa Terra, 22/03/2007) |
||||||||
O cambio de actitude rexistrado en América Latina a propósito de EEUU estase a presentar como a inevitable consecuencia da falta de atención de Washington debido á mudanza de prioridades que xurdiu como resultado do 11S. Certamente, non se pode negar que aqueles atentados influíron na dinámica desas relacións, que pasaron a un terceiro plano, pero o desentendemento actual ten raíces máis fondas e complexas. A pobreza e as desigualdades que tanto abundan na rexión, ou o descrédito dunha clase política formada en Washington e entusiasmada co neoliberalismo, son inseparables da viraxe das sociedades latinoamericanas que exploran agora outras opcións, cun abano ideolóxico e político moi amplo, pero de marcado signo social. A Administración Bush, non obstante, semella non decatarse da magnitude do cambio en curso e a incomodidade e desconcerto reflíctese nas medidas que promove, vertebradas arredor da mesma clave represiva doutras épocas. Se hai décadas, a guerra fría impoñía o apoio ás ditaduras máis sanguinarias, esa mesma lóxica pode advertirse de novo nas solucións auspiciadas para afrontar problemas como a emigración ou o narcotráfico, priorizando solucións militares e de contención. Mentres en América Latina están a xurdir políticas e movementos innovadores, en Washington brilla pola súa ausencia a xeración de propostas diferentes e realmente novas. O vocabulario é coñecido: intolerancia cos emigrantes latinos, negación de visados a adversarios políticos, unha xestión da loita antidroga que debilita os poderes e institucións locais, unha política exterior que é masivamente rexeitada. Esta foi a máis longa xira de Bush pola rexión en todo o seu mandato, pero os seus resultados semellan practicamente intranscendentes. É verdade que no Brasil, o país máis importante da rexión, a apertura da era do etanol establece un marco suplementario de entendemento con Washington. Pero a pouco mais dun ano das presidencias estadounidenses, cun “lame duck” (pato coxo) como Bush na derradeira etapa do seu mandato e cun poder cada vez máis reducido, pode ser pouco combustible para impulsar un renovado entendemento con Washington que se debate entre a imposibilidade de obviar a adopción de políticas que melloren o nivel de vida da rexión e a súa vocación natural a privilexiar outros factores. Ademais, o memorando asinado non menciona a redución do arancel aduaneiro estadounidense sobre a importación de combustibles etílicos, circunstancia que decepcionou en Brasil. Bush, que falou de intencións pero puxo pouco diñeiro sobre a mesa, provocou unha tempestade de protestas dos pobos latinoamericanos. Os aplausos foron para Chávez. |
||||||||
|
||||||||
![]() ![]() |
||||||||
![]() Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional www.igadi.org ÚLTIMA REVISIÓN: 20/03/2007 |
||||||||
|