Presenza-Opinión Volver a TitularesVolver a Presenza/Outros/ Outros
As sombras da axuda
Por Xulio Ríos (AGN, 23/04/2007)
 
 

  OECD DAC Development Co-operation Report 2006, clic para aumentar
O apoio dos países da Unión Europea membros do CAD representa o 56% do total mundial, e nel cabe salientar o esforzo realizado por países como Irlanda e España, cun aumento, respectivamente, do 33,7% e do 20,3%, que non obstante ten o seu contrapunto na redución operada por países como Austria, Italia ou Grecia. (Foto: DCR 2006 Summary brochure).
 
O último informe do CAD (Comité de Axuda ao Desenvolvemento) da OCDE (Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económico) alerta da diminución da axuda dos países ricos aos máis empobrecidos. O seu balance, ademais, dá conta do crecente peso da cancelación da débeda externa no conxunto da axuda pública ao desenvolvemento. Por tal motivo, en 2006, o total da axuda ao continente africano pode dicirse que medrou un 23% en termos absolutos pero, en realidade, o medre efectivo soamente foi do 2%.

A maiores, outro dato importa resaltar. En 2006, a axuda global reduciuse nun 5,1%, por primeira vez dende 1997, unha cifra que evidencia o sistemático incumprimento por parte da maioría dos Estados dos compromisos contraídos cos Obxectivos do Milenio. A axuda de Estados Unidos, o país máis rico do mundo, retrocedeu en 2006 un 20%. Soamente os países do Norte de Europa manteñen de forma invariable o seu esforzo, mesmo superando, como no caso de Suecia, ese 0,7% do PNB, cifra recomendada por Nacións Unidas para loitar de forma eficaz contra a pobreza.

O apoio dos países da Unión Europea membros do CAD representa o 56% do total mundial, e nel cabe salientar o esforzo realizado por países como Irlanda e España, cun aumento, respectivamente, do 33,7% e do 20,3%, que non obstante ten o seu contrapunto na redución operada por países como Austria, Italia ou Grecia.

  Directrices CAD para a redución da pobreza, clic para aumentar
(Capa do informe Directrices do CAD para a redución da pobreza, 2001, dispoñíbel en español).
 
Á vista dos datos publicados polo CAD, cabe reflexionar non só sobre a evolución das cifras, que falan por si mesmas, senón a propósito da firmeza do compromiso moral e ético con esas sociedades que reclaman mellores oportunidades de vida. Iso semella importar menos que a necesidade de cadrar números e facer pasar por cooperación cousas que non o son ante as respectivas opinións públicas. En 2005, por exemplo, EEUU, “aumentou” as cifras da súa axuda, condonando as débedas de Iraq e Afganistán, países, por outra banda, destruídos por guerras ás que os propios EEUU non son alleos e nas que inviste cifras de escándalo que nunca serían posibles se o seu destino fose arbitrar unha paz baseada non baseada nun concepto maniqueo da seguridade senón na promoción do desenvolvemento e na satisfacción das necesidades básicas. Non hai sinceridade nin convencemento no proceder da maioría dos Estados ricos. A axuda leva camiño de ser un ritual, onde o que máis conta é a capacidade para enganar e autoenganarnos.

 
 

Xulio Ríos,
director do Igadi.

Xulio Ríos, clic para aumentar
 
Volver a TitularesVolver a Presenza/Outros



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 22/04/2007
Fernando Pol


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta