| Presenza-Opinión / Oriente Medio |
||||||||
| Con Palestina Por Xulio Ríos (AGN, 12/02/2007) |
||||||||
|
A outra cara ten que ver coa crise política interna. Abbas e Mechal, líderes de Fatah e de Hamás, respectivamente, lograron un acordo na Meca para acabar cos enfrontamentos e armar un goberno de unidade nacional. A violencia entre as dúas faccións rivais leva causado case oitenta mortos en menos de dous meses. Un fracaso destas conversas podía precipitar unha guerra civil en Palestina, escenario afastado, pero o éxito soamente poderá acreditarse non en función da foto final lograda polo rei Abdalá de Arabia Saudita, senón das garantías de respecto efectivo da tregua durante un tempo prudencial. O odio e a desconfianza mutua creceron abondo nos últimos meses. O que sae da Meca non pode ser papel mollado, aseguran todos os participantes e observadores interesados, pero as espadas seguen en alto. Israel tamén está á expectativa. Se fracasa este acordo e os conflitos internos se agravan, o exército está preparado para intervir a gran escala co fin de evitar que esa tensión se traslade ao seu territorio. O cuarteto para Oriente Medio (EEUU, UE, Rusia e a ONU) mantén as súas esixencias a Hamás para suspender as sancións, reclamos que pesaron o seu na reunión da Meca, prevista inicialmente sen horizonte de remate ata que as cuestións militares e políticas que dividían a ambos bandos quedasen resoltas. A preocupación de Arabia Saudita vai máis alá do escenario palestino. A súa arriscada iniciativa diplomática pretendía establecer un dique de contención fronte á crecente influencia iraniana na zona, que se expande imparable como unha mancha de aceite por Iraq, Líbano e os propios territorios palestinos. Os fracasos anteriores de Exipto e os limitados contornos desta negociación, en parte debidos ás propias esixencias da comunidade internacional, xustificaban o escepticismo. Agora imponse un cambio de rumbo. |
||||||||
|
||||||||
|
Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional www.igadi.org ÚLTIMA REVISIÓN: 11/02/2007 |
||||||||
|
||||||||