Presenza-Opinión ![]() ![]() |
||||||||
Desempate en Ucraína Por Xulio Ríos (AGN, 09/04/2007) |
||||||||
Estamos ante un novo episodio dunha encarnizada loita polo poder que progresivamente viña laminando aos partidarios de Yuschenko. Se non é quen de impoñer o decreto, os seus días están contados. E a maioría da Cámara está en contra. A influencia parlamentaria de Yanukovich non para de aumentar e pouco lle falta para sumar os dous terzos precisos para bloquear totalmente ao presidente e reformar a Constitución. Esa é a razón de que Yuschenko, á desesperada, promulgase este decreto. Pero quen máis se mobiliza agora son os partidarios de Yanukovich, que xa tomaron o centro da capital. A división no campo de Yuschenko e a habilidade de Yanukovich bloquearon totalmente o rumbo prooccidental que Ucraína semellaba tomar hai un par de anos. A cohabitación das elites prorusas e prooccidentais freaba as reformas e a reorientación da estratexia do país. Yanukovich quería celebrar un referendo sobre a eventual entrada de Ucraína na OTAN, á que se opón, segundo a maioría das enquisas, a maior parte dos cidadáns. Para resolver o actual empate, ademais, Yushenko intentou gañarse o favor de Moscova, buscando o apoio de Putin. A crise presenta dúas vías de solución: ou na rúa ou nas institucións. O Exército apoia ao presidente, aínda que non é seguro que controle as forzas armadas na súa totalidade. O servizo de seguridade depende de Yuschenko, pero as tropas de Interior subordínanse a Yanukovich. O titular de Defensa, o civil Gritsenko, goza dunha autoridade relativa en medios castrenses. O Tribunal Constitucional ven apoiando a Yuschenko de forma reiterada. Unha transacción podería arbitrarse se Yanukovich rexeita aos deputados que están abandonando a Yuschenko e renuncia a formar unha maioría cualificada. Nese caso, o decreto podería ser revogado ou complementado coa convocatoria de parlamentarias e presidenciais simultáneas. Yuschenko ten serios problemas para compartir o poder, con independencia de que o seu rival sexa aliado (Iulia Timoshenko) ou non. Goberno e Parlamento seguen funcionando pero para “países” distintos. O pulso vai para largo e a confrontación non terá unha rápida solución. |
||||||||
|
||||||||
![]() ![]() |
||||||||
![]() Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional www.igadi.org ÚLTIMA REVISIÓN: 08/04/2007 |
||||||||
|