Presenza-Opinión Volver a TitularesVolver a Presenza/Outros/ Outros
Estados fáciles, difíciles e imposibles
Por Xulio Ríos (AGN, 18/12/2007)
 
 

  Costa de Niue e mapa de situación; clic para aumentar
A Niue non lle resultou difícil converterse en Estado e mesmo chegar a gozar do recoñecemento dun país das dimensións de China. Probablemente, non acontecerá o mesmo no caso de que Cosova proclame a súa independencia nos próximos meses, case con total seguridade despois dos comicios serbios de xaneiro. (Foto: Costa de Niue e mapa de situación).
 
A pasada semana, China estableceu relacións diplomáticas co estado de Niue, unha pequena illa do sur do océano Pacífico que, probablemente, moi poucos coñecen. A Niue non lle resultou difícil converterse en Estado e mesmo chegar a gozar do recoñecemento dun país das dimensións de China. Probablemente, non acontecerá o mesmo no caso de que Cosova proclame a súa independencia nos próximos meses, case con total seguridade despois dos comicios serbios de xaneiro. Ademais das dificultades derivadas da delicada situación económica e social interna, a presenza das tropas da OTAN, a animadversión serbia, e a belixerancia de Moscova respecto a Prístina, aventuran non poucas complicacións ao novo estado balcánico. Será complexa a negociación para salvar o veto que Rusia podería exercer no Consello de Seguridade. Dígase o que se diga agora, a resolución 1244 recoñece de forma explícita a soberanía serbia sobre esta provincia autónoma.

Claro que outros o teñen practicamente imposible. É o caso de Taiwán, un estado de feito e máis estado que moitos dos case douscentos que forman parte de Nacións Unidas, non digamos xa se o comparamos con esta pequena illa de Niue. Pero a pesar de ser unha gran potencia económica, comercial e tecnolóxica, de dispor dun dos exércitos mellor equipados de Asia, Taipei, que en marzo celebrará dous referendos sobre o ingreso en Nacións Unidas, aínda gañando amplamente a consulta, ese resultado será difícil de xestionar e apenas terá transcendencia diplomática, aínda que alentará as tensións, agardemos que só políticas, co veciño continental.

Durante anos circulou a tese de que os estados perdían importancia. Os procesos de liberalización económica e comercial e as converxencias empresariais facían xurdir empresas máis poderosas que os propios estados que, por outra banda, baleirábanse de contidos ao participaren en institucións supranacionais que diluían moitas das súas funcións tradicionais e ao transferiren competencias a entidades subestatais. Outros confiaban en que as tensións nacionalistas que están na orixe da eclosión de novas formacións estatais poderían superarse a medida que o desenvolvemento resolvera problemas crónicos. Pero é unha ecuación falsa. Fácil ou difícil, para ben ou para mal, todo indica que nos agarda un futuro de moitos máis estados, quizais pequenos como o de Niue que teñen a evidente vantaxe de que dificilmente agredirán a ninguén.

 
 

Xulio Ríos,
director do Igadi.

Xulio Ríos, clic para aumentar
 
Volver a TitularesVolver a Presenza/Outros



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 16/12/2007
Fernando Pol


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta