Presenza-Opinión / Europa
|
||||||||
Europa, Europa? Por Xulio Ríos (A Nosa Terra, 29/03/2007) |
||||||||
Cando se cumpre o 50 aniversario do Tratado de Roma, os conflitos internos na UE alertan do colapso e da progresiva perda ata da máis elemental coherencia orixinal. A falta de ambición afecta non soamente ás grandes proclamas políticas senón mesmo a proxectos de natureza económica e estratéxica como Airbús ou o sistema de comunicación Galileo, que, de fracasar, minguarían as posibilidades, tantas veces cantadas, de conformarse como un piar de referencia no sistema internacional do século XXI. É certo que moitos dos comportamentos da UE non son máis ca exercicios calculados de retórica burocrática e ambigua, unha filigrana loable que escenifica ese inmenso poder brando que alén do noso entorno é tan respectado e celebrado, pero que resulta insuficiente, cando non cínico e pouco construtivo, para avanzar na plasmación dunha orde internacional máis democrática. Nos momentos críticos, os matices desa Europa limitada abren tímidas expectativas compensatorias. A esas graves dificultades internas debemos sumar agora o plan de EEUU de instalar un sistema antisimisiles que ven a afondar na fenda europea. Rusia foi a primeira en manifestar a súa visceral oposición. Tanto Alemaña como Francia xa explicitaron os seus reparos. Certamente é o tempo do desarme, e non de alentar unha nova carreira de armamentos que enfronte a Europa, sen comelo nin bebelo, e Rusia. Pero países como Polonia ou a República Checa semellan ir por libre, mentres EEUU actúa por conta propia eludindo o diálogo cos seus outros socios occidentais. Unha vez máis, a orde europea abanea pola inxerencia de Washington na órbita da súa seguridade e acentúa os seus problemas de división. As contradicións internas teñen paralizada Europa, e os ventos que poidan soprar despois das eleccións francesas tampouco auguran posibilidades certas dunha reorientación que desatasque o actual proceso para converter a UE nun actor político autónomo capaz de desempeñar o papel activo que reclaman os cambios internacionais. Bruxelas quédase bastante atrás. A presidencia alemá a penas contemporizar coa Polonia nacionalcatólica. A UE está presa no seu propio castelo. Condenados e carcereiros deambulan polos seus corredores, “libres” e sen poder desenredarse. Todos comparten a mesma cama pero teñen diferentes soños. Nun artigo publicado o pasado 19 de marzo no Der Spiegel se reflexiona xa sobre como sería Alemaña se a UE non existise. A deconstrución non se anuncia. |
||||||||
|
||||||||
|
||||||||
Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional www.igadi.org ÚLTIMA REVISIÓN: 25/03/2007 |
||||||||
|