Presenza-Opinión Volver a TitularesVolver a Presenza/Outros/ Outros
Galicia e a axuda de emerxencia
Por Xulio Ríos (Xornal, 20/08/2007)
 
 

  Reparto axuda humanitaria en San Andrés, Pisco; clic para aumentar
A consolidación dese marco global de actuación permitiralle a Galicia instrumentar mecanismos de colaboración directa co país afectado ou cos organismos internacionais, que sexan áxiles, flexibles e eficaces. A recente microexperiencia neste sentido do Fondo Galego con Sri Lanka a propósito do tsunami é esclarecedora. (Foto: Unha muller demanda auga nun reparto de axuda humanitaria en San Andrés, Pisco, o 19 de agosto de 2007).
 
O terremoto ocorrido en Perú alentou a solidariedade de Galicia. Empresas privadas, cidadáns a título individual e institucións públicas respostaron á situación anunciando o envío de recursos económicos para contribuír a paliar as necesidades máis urxentes.

Todas as respostas, ben intencionadas, presentan como característica común a dispersión. Inditex, poñamos por caso, que anunciou unha doazón de un millón de euros, vai polo seu lado; a Xunta de Galicia foise correndo a Madrid a coordinarse coa AECI (Axencia Española de Cooperación Internacional); o Fondo Galego apelou á coordinación das axudas municipais e provinciais; as persoas optarán por unha ou outra ONGDs en función das súas preferencias.

É importante que en Galicia nos dotemos de capacidades propias que nos permitan consolidar un marco de actuación que garanta a concentración dos recursos de todo tipo, públicos ou privados, neste tipo de contextos. Iso significa que a Xunta de Galicia debe liderar a creación dunha unidade de colaboración fronte ás emerxencias, proposta hai anos xa polo Fondo Galego, que reúna aos principais actores e donantes e sexa capaz de prepararnos mellor, en primeiro lugar en medios, para dar unha resposta de país, é dicir, contemplando tamén a mobilización da opinión pública, garantindo a coherencia e unha planificación estratéxica e global da axuda.

Nesas condicións, axudar é axudarnos a nós mesmos, permite desburocratizar a resposta e brinda unha oportunidade para sensibilizar a sociedade civil nun esforzo que debe manterse máis alá da emerxencia para facilitar a reconstrución.

Por outra banda, a consolidación dese marco global de actuación permitiralle a Galicia instrumentar mecanismos de colaboración directa co país afectado ou cos organismos internacionais, que sexan áxiles, flexibles e eficaces. A recente microexperiencia neste sentido do Fondo Galego con Sri Lanka a propósito do tsunami é esclarecedora.

É urxente pois que a Xunta de Galicia promova a creación dese mecanismo participativo e coordinador que facilite a plasmación dunha resposta como país ante este tipo de calamidades, coordinando as diversas administracións públicas e a propia sociedade civil a fin de orientar as iniciativas sociais, todas elas afortunadamente autónomas, definindo criterios de intervención e de priorización das necesidades.

 
 

Xulio Ríos,
director do Igadi.

Xulio Ríos, clic para aumentar
 
Volver a TitularesVolver a Presenza/Outros



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 20/08/2007
Fernando Pol


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta