| Presenza-Opinión |
||||||||
| Ministros á xaponesa Por Xulio Ríos (Xornal, 08/07/2007) |
||||||||
|
Unha nova Carta Magna, un novo Xapón no mundo, soños ambiciosos que Abe pretende aínda facer realidade, pero que terán que agardar á vista do comprometido da situación política actual. O flamante primeiro ministro de Defensa, Fumio Kyuma, tivo que presentar a súa dimisión esta semana polas críticas recibidas a unhas declaracións feitas na Universidade Reitaku, nas que defendeu o bombardeo atómico de Nagasaki como “inevitable” para poñer fin á segunda guerra mundial. En decembro debeu dimitir o ministro para a Reforma Administrativa, Genichiro Sata, involucrado nun escándalo de corrupción. E en maio deste ano, suicidouse o ministro de Agricultura, Toshikatsu Matsuoka, por outro escándalo similar. O mínimo que pensan os cidadáns é que Abe errou na elección dos seus ministros e iso pode explicar que a súa popularidade baixara dende o 70% do inicio do mandato ata menos do trinta por cento actual. A oposición está a facer o seu labor e tamén dirixiu as súas críticas ao ministro de sanidade, Hakuo Yanagisawa, quen noutro discurso “afortunado” cualificou as mulleres como “máquinas de parir”... Aos problemas co gabinete, súmase o escándalo das pensións públicas. Resulta que se detectaron erros na contabilidade duns 50 millóns de contas e os seus titulares recibiron menos beneficios dos que lle corresponderían. Abe alargou dúas semanas o actual período de sesións parlamentarias para aprobar unha lei que permita a todos os prexudicados a recuperación do seu patrimonio. Conta con iso para paliar o descontento. Con este panorama, o PLD afronta o próximo día 29, as eleccións parciais a unha Cámara Alta que se renova por metades cada tres anos. A coalición do PLD co Novo Komeito goza dunha cómoda maioría, pero está por ver se a manteñen despois de tantas lideiras. Poñéndose a cura antes da ferida, Koizumi e o PLD anticiparon todo o seu apoio a Abe aínda no suposto de producirse un revés electoral. A maioría que ostenta na Cámara Baixa permitirialle continuar coa súa reforma. Pero unha avultada derrota podería tamén facer insostible a posición de Abe e provocar a propia dimisión. Así, o que hai uns meses podía parecer un mero trámite electoral chamado a revalidar un liderado incuestionable, hoxe converteuse nunha seria proba política para o primeiro xefe de Estado nipón nacido despois da guerra. |
||||||||
|
||||||||
|
Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional www.igadi.org ÚLTIMA REVISIÓN: 15/07/2007 |
||||||||
|
||||||||