Presenza-Opinión / Balcáns ![]() ![]() |
||||||||
O túnel cosovar Por Xulio Ríos (GZnación, 07/11/2007) |
||||||||
Mentres os serbios apelan, entre outros, ao modelo da Rexión Administrativa Especial de Hong Kong, a troica, na súa última proposta, contempla unha afirmación do autogoberno albanés, con plena autonomía fiscal e relación directa coas institucións financeiras mundiais, pero rexeitando a independencia formal. As esperanzas dos albanocosovares, que de non conseguir agora a independencia temen non poder acadala nunca, están depositadas nos estadounidenses, confiados en que a súa decisión segue sendo firme e que acabará por impoñerse internacionalmente. Esa confianza cega desarmou a preocupación dos negociadores de Prístina, quen ao longo destes 14 meses de negociación, non fixeron aceno algún de flexibilidade arredor da cuestión da soberanía. A aceptación do aprazamento ata 2020, seica suxerido por Washington, tería como contrapartida o libramento de axudas millonarias (sete mil millóns de euros anuais durante os próximos doce anos) que farían de Cosova a Suíza dos Balcáns. Ciencia ficción, pensan algúns. O mundo dos conflitos está repleto de promesas similares, naturalmente incumpridas. Resulta difícil imaxinar a chegada en masa de investidores a unha das zonas máis pobres de Europa. Sabedora da necesidade de multiplicar os seus xestos no tramo negociador final, Serbia mestura convocatorias aos reservistas como medida de presión sobre a negociación, deixando entrever a súa disposición para ir á guerra por Cosova, coa disposición a aceptar fórmulas confederais. A proposta da troica, rica en matices e en contidos, apunta un camiño flexible pero xeneroso que mesmo inclúe unha hipótese de participación singular e diferenciada nas estruturas da UE, o que abriría expectativas importantes para as nacións sen estado de Europa occidental que reclaman maiores cotas de soberanía e participación directa nas institucións comunitarias sen modificar para iso fronteira existente algunha. |
||||||||
|
||||||||
![]() ![]() |
||||||||
![]() Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional www.igadi.org ÚLTIMA REVISIÓN: 11/11/2007 |
||||||||
|