Presenza-Opinión / Rusia
|
||||||||
Os reclamos de Putin Por Xulio Ríos (AGN, 09/07/2007) |
||||||||
Washington segue empeñado en instalar o seu escudo nas fronteiras occidentais de Rusia. Na reunión do G-8, Putin propuxo desprazar a base anti-mísiles a Acerbaixán. O secretario de Defensa estadounidense, Robert Gates, dixo que podería ser un complemento, pero nunca un substitutivo. Unha maneira diplomática de dicir que non. Agora Putin foi máis alá. O líder ruso ofreceu incluír o escudo no marco do acordo Rusia-OTAN asociando ao proxecto a máis estados europeos, e utilizar os radares de alerta do sur de Rusia como parte do escudo. Dese xeito, pensan en Moscova, non serían necesarias máis instalacións en Europa. Putin tamén ofreceu a creación dun centro para compartir información de intelixencia, que podería ter a súa sede en Bruxelas. Convencido xa de que lle será practicamente imposible evitalo, Rusia pretende controlar o dispositivo promovido por Estados Unidos, participando desde dentro e compensando o unilateralismo de Washington coa implicación dos estados europeos formando un pool de países contrarios á proliferación de novas ameazas. Desde Tashkent, Serguei Ivanov, vicepresidente primeiro do goberno ruso, ameazou con instalar novos mísiles en Kaliningrado, se Bush non da o brazo a torcer. Rusia recoñece a ameaza que pode representar Irán, país que é socio relevante do Kremlin, e comparte a tese de proporcionar tecnoloxía nuclear civil a terceiros países baixo o control da AIEA, pero á hora da verdade, os matices prácticos poden ser múltiples e complexos. Putin saiu do cumio cun estatus e recoñecemento que antes non tiña e seguirá a presentar a Bush propostas “dignas de estudo”, como el mesmo dixo, aínda que con moi poucas posibilidades de saír adiante. O tira e afrouxa non fixo mais que comezar. |
||||||||
|
||||||||
|
||||||||
Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional www.igadi.org ÚLTIMA REVISIÓN: 08/07/2007 |
||||||||
|