Presenza-Opinión / África Volver a TitularesVolver a Presenza/África
Sahara en Manhasset
Por Xulio Ríos (A Nosa Terra, 28/06/2007)
 
 

  Mahfud Ali Beiba, clic para aumentar
Na xuntanza de Manhasset, contrastou a presenza dunha delegación saharauí moi tradicional, nucleada arredor do presidente do Parlamento, Ali Beïba (na foto), fronte ao equipo marroquí, liderado polo ministro do Interior Benmoussa. Xa non estaban Dris Basri nin Filali e Mohamed Benaïssa tampouco se desprazou. A comitiva alxerina, comandada polo secretario xeral do ministerio de exteriores, Ramtane Lamamra, non participou nas reunións directas, pero secundou a defensa numantina do referendo sobre independencia ou integración que sintetiza as posicións do Polisario.
 
Ningún resultado salientable se produciu no encontro celebrado o pasado 18 e 19 de xuño en Manhasset, New Jersey, entre marroquís e saharauís a propósito do futuro do Sahara Occidental. O 11 de xuño, un informe do International Crisis Group apuntaba o que podería ser a “solución”: negociar a autonomía á vista da imposibilidade de aplicar ao contencioso as regras clásicas de dereito internacional contempladas para os procesos de descolonización. A cambio do abandono do referendo, o “Western Sahara: out of impasse” do ICG propón que Rabat mellore a súa oferta de autonomía, recoñeza ao Polisario como partido político e pacte, de maneira definitiva, a súa fronteira con Alxeria. Poucas ideas novas, pois, para desbloquear o proceso. As partes volverán a reunirse na segunda semana de agosto e a ONU agarda outro ton en ambas delegacións e algúns resultados concretos.

Dez anos despois dos encontros de Houston realizados daquela baixo a mediación de James Baker, é Ban Ki-moon agora quen promove esta aproximación. Colaboradores directos do secretario xeral (Peter Van Walsum e Julian Harton, fundamentalmente) corren coa loxística do proceso e garanten as súas condicións mínimas. De resultar exitosa esta rolda negociadora, o actual secretario xeral da ONU obtería un importante triunfo que contribuiría a mellorar a sempre maltreita imaxe de Nacións Unidas. Non obstante, a dificultade deste litixio, o distanciamento das posicións das partes e a inflexibilidade da posición alxerina, moderan un optimismo que outros se aprestan a destacar en función das mutacións experimentadas na xeopolítica do norte de África como consecuencia da estratexia de loita internacional contra o terrorismo que mellorou substancialmente as teses de Rabat, convidando ao pragmatismo da renuncia.

Na xuntanza de Manhasset, contrastou a presenza dunha delegación saharauí moi tradicional, nucleada arredor do presidente do Parlamento, Ali Beïba, fronte ao equipo marroquí, liderado polo ministro do Interior Benmoussa. Xa non estaban Dris Basri nin Filali e Mohamed Benaïssa tampouco se desprazou. A comitiva alxerina, comandada polo secretario xeral do ministerio de exteriores, Ramtane Lamamra, non participou nas reunións directas, pero secundou a defensa numantina do referendo sobre independencia ou integración que sintetiza as posicións do Polisario. A delegación de Rabat, pola súa banda, insistiu na negociación dun proxecto de autonomía que defina un novo marco político supeditado ao recoñecemento da soberanía alauíta. O repaso ás posturas de cada quen deixou as cousas como estaban.

A evolución rexistrada nos últimos anos ven favorecendo obxectivamente as teses de Marrocos. Rabat recibiu o apoio internacional dos principais países, en detrimento das nobres arelas de xustiza que personifica o Polisario. Os anuncios de intifada ou de reanudación de hostilidades, etc., expresan a frustración dunha sociedade en loita contra o propio esgotamento e a indiferenza da sociedade internacional. O escenario que se debuxa a curto prazo queda a expensas da capacidade de Marrocos para repensar as súas relacións con Alxer. De producirse un reacomodo no norte de África, unha nova volta de rosca diminuiría as expectativas saharauís. Ese temor e a perda de pulso da solidariedade exterior faría medrar a influencia dos partidarios dun mal acordo, convencidos de que o tempo xoga na súa contra.

 
 

Xulio Ríos,
director del Igadi.

Xulio Ríos, clic para aumentar
 
Volver a TitularesVolver a Presenza/África



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 28/06/2007
Fernando Pol


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta