Presenza-Opinión / Outros
|
||||||||
Wolfowitz Por Xulio Ríos (ECO, xuño/2007) |
||||||||
O caso de Shaha Riza non é un feito illado senón a expresión máis escandalosa dun problema máis de fondo: nepotismo, falta de transparencia, de coherencia e de respecto aos procedementos, entre outros, son os trazos singulares da xestión iniciada por Paul Wolfowitz en xuño de 2005. Nunha iniciativa sen precedentes, o pasado 23 de abril, dende as páxinas do Financial Times, un total de 42 antigos altos funcionarios da institución reclamaban a súa dimisión, ao consideraren que o seu mandato afecta á autoridade moral do Banco Mundial e á súa eficacia, en particular no dominio do bo goberno, o que condicionaría a súa misión principal: a loita contra a pobreza no mundo. Entre as medidas máis criticadas destacan o intento de suprimir as axudas á planificación familiar e ás medidas anticonceptivas, a censura imposta a informes relativos ás consecuencias do cambio climático, a retirada da axuda a Uzbequistán por haber expulsado as tropas estadounidenses do seu territorio, a suspensión dos préstamos a países como India ou Kenya co pretexto da corrupción, medidas sempre adoptadas con arrogancia e prescindindo de forma absoluta dos propios expertos do Banco, relegados en favor dos seus amigos (Kevin Kellems, Robin Cleveland, Karl Jackson, Juan José Daboud, Suzanne Rich Folsom, etc), a quen recrutou prescindido de calquera procedemento de selección, con contratos moi ben pagados e con cláusulas que contemplan cuantiosas indemnizacións en caso de ruptura. Pese a que tantas voces reclaman a súa saída, Wolfowitz, antigo número dous do Pentágono e alentador da guerra contra Iraq, parece disposto a dar a batalla ata o final. Conta co apoio de Bush, a quen lle resta un mandato de ano e medio. Tony Fratto, portavoz de Bush, declarou que, a pesar de todo, ten a “plena confianza” do presidente estadounidense. Se o próximo inquilino da Casa Branca é un demócrata, o máis probable é que a partir de xaneiro de 2009 mudaría a cabeza do Banco Mundial. EEUU controla o 16,4% dos votos do consello executivo e é o principal contribuínte da entidade. Ata entón Wolfowitz pode resistir, aínda a risco de converter esta institución, como fixo en Iraq, noutro desastre que, tamén aquí, acabarán pagando os máis febles (o 20% dos 24 mil millóns de dólares que cada ano xestiona en forma de préstamos e donativos se dirixen á África subsahariana). |
||||||||
|
||||||||
|
||||||||
Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional www.igadi.org ÚLTIMA REVISIÓN: 05/05/2007 |
||||||||
|