Presenza-Opinión / África Volver a TitularesVolver a Presenza/África
Sáhara: Chuvia de estrelas
Por Xosé María Torres Bouza (A Nosa Terra, 28/06/2007)
 
 

  Nenas saharuís, clic para aumentar
A que veñen estes nenos? Veñen a disfrutar dun merecido premio ao seu esforzo na escola, pois un dos requisitos para participar é a aplicación nos estudos; poden así disfrutar da abundancia e das riquezas que temos entre nós, como auga a auga corrente nas casas, billas, duchas, praias, piscinas... Que choque máis forte debe representar! (...) Pero en realidade non veñen as pasar as vacacións: veñen a lavar as nosas conciencias. Veñen a que lles amosemos a solidariedade que a maioría dos galegos e dos españois lles profesa, pero que os sucesivos gobernos españois, desde a transición, non foron quen de ratificar.
 
No Sáhara hai moitas estrelas. Unha delas é “Estrella Polisaria”, o grupo de música máis coñecido (?), que –fundado no 2000– difunde en xiras por varios países as voces dun pobo maltratado, xuntando a tradición e a modernidade dos sons do deserto. Tamén hai estrelas no ceo da hamada de Tinduf, o inhóspito territorio onde están os campamentos de refuxiados saharauís.

Pero as estrelas saharauís das que quero falar hoxe non están en África; están en Galicia, están –estarán pronto– entre nós: son os nenos e nenas que chegan coa campaña “Vacacións en paz”.

Chegan tamén do ceo, en avións fletados polas asociacións de amigos do povo saharauí, como a que preside en Galicia Bernardo Porto, que xestiona a chegada a Galicia este ano dos rapaces en tres avións, o primeiro dos cales chega ao aeroporto de Santiago o próximo domingo, o día 1 xullo.

Son 750 nenos de 7 a 12 anos, case 10.000 en España, que veñen a pasar os dous meses, xullo e e agosto, onde o clima no deserto se volve máis duro, tan insufrible que só os homes do deserto poden soportar, e que fai, por exemplo, que todos os cooperantes extranxeiros retornen aos seus lugares de orixe.


A que veñen estes nenos?

Pois a pasar eses meses disfrutando do afecto das familias que os acollen e que tecen con eles uns lazos de cariño máis fortes que calquer aceiro, fonte de inmensas tristuras cando os nenos marchan e non se sabe se poderán volver a atoparse con eles.

Veñen a disfrutar dun merecido premio ao seu esforzo na escola, pois un dos requisitos para participar é a aplicación nos estudos; poden así disfrutar da abundancia e das riquezas que temos entre nós, como auga a auga corrente nas casas, billas, duchas, praias, piscinas... Que choque máis forte debe representar!

É certo que moitas entidades, concellos e administracións se volcan con eles, tentando ofrecerlles o mellor que temos.

Pero en realidade non veñen as pasar as vacacións: veñen a lavar as nosas conciencias. Veñen a que lles amosemos a solidariedade que a maioría dos galegos e dos españois lles profesa, pero que os sucesivos gobernos españois, desde a transición, non foron quen de ratificar. O acordo de pesca asinado hai poucos meses por España con Marrocos ratifica esa postura, a pesar de que renxe a legalidade internacional ao incluír os recursos pesqueiros do banco sahariano, recursos dun territorio en vías de descolonización dacordo coa ONU.

Non deixa de ser significativo que os grandes medios de comunicación pasaran por enriba deste acordo, nun pacto de silenzo mediático.


Que futuro lles agarda?

Si, que futuro lles agarda a estes nenos que agora chegan? Que futuro lles agarda a tantos enxeñeiros, mestres, médicos, enfermeiros, tantos mozos e mozas formados en Cuba (para a vergonza dos españois!) e noutros países. Que futuro lles agarda ás miles de persoas que viven nas wilayas: vivir outros 31 anos no desterro?

As conversas directas Polisario-Marrocos impulsadas pola ONU e iniciadas o pasado 18 de xuño nas aforas de Nova York, e suspendidas até finais de ano, abren algunha vía, que os pragmáticos da realpolitik –eses intereses que ten España en Marrocos, esas débedas ocultas…– saben que só pode conducir a unha autonomía limitada, ou a unha división do territorio, algo que os ollos deses nenos e nenas que chegan o domingo a Galicia non quererán ver xamais.

Preguntaba Maquivelo se os gobernantes deben ser temidos ou amados. Non sabemos se Marrocos e o seu rei son temidos polos saharahuís, pero tendo nos oídos os berros dos nenos da wilaya de Smara “Mohammed, capullo, el Sáhara no es tuyo” un pensa que non é cariño o que lle profesan, un cariño que por outro lado atoparán os nenos saharauís nos brazos e corazóns dos galegos.

 
 

Xosé María Torres Bouza, presidente da Coordinadora Galega de ONGD.

 
Volver a TitularesVolver a Presenza/África



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 08/07/2007
Fernando Pol


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta