Presenza-Opinión Volver a TitularesVolver a Presenza/Latinoamérica/ Latinoamérica
O pulso de Evo Morales
Roberto Mansilla (Vieiros, 09/08/2008)
 
 

  “Evo si, Bolivia digna”; clic para aumentar
Como Chávez no 2004, a maior parte das enquisas e análises apuntan a unha vitoria de Evo Morales no próximo referendo boliviano, incluso coa posibilidade de superar o 54% da votación que o levou á presidencia en 2005. A pesar da marcada polarización, Morales segue a conservar sólidos índices de aceptación e apoio social e político, especialmente por parte das maiorías indíxenas e populares. (Foto: Pintada pedindo o voto para Evo Morales no referendo do día 10 de agosto).
 
Bolivia prepárase para celebrar o próximo domingo 10 un referendo revogatorio sobre a presidencia de Evo Morales e a autoridade dos prefectos gobernantes nos departamentos orientais de Santa Cruz, Tarija, Beni e Pando.

Tras unha intensa polémica xudicial sobre a súa celebración, finalmente aceptada polo propio Morales e o Tribunal Constitucional, este referendo foi concibido como a inmediata fórmula de solución a unha prolongada crise política que ameaza con afondar unha situación de inestabilidade e consolidar unha fragmentación política e territorial, practicamente de facto.

Os recentes e violentos enfrontamentos entre simpatizantes e opositores a Evo Morales en distintos puntos da xeografía boliviana e a convulsión social precedente aos actos conmemorativos da independencia nacional determinan este tenso clima, chegando a tal nivel que debeu suspenderse unha visita a Bolivia do presidente venezolano Hugo Chávez e a súa homóloga arxentina Cristina Fernández de Kirchner, confirmada para concretar unha ampla rede enerxética sudamericana.

En termos comparativos, existen certos paralelismos entre a actual situación boliviana coa existente en Venezuela en agosto de 2004, sendo o caso venezolano o único precedente histórico de referendo revogatorio presidencial a nivel mundial. Nun tenso clima político como o entón existente en Venezuela (e cuxos síntomas aínda persisten), Chávez logrou vencer nesta convocatoria, igualmente avaliada polos organismos hemisféricos como único mecanismo legal e lexítimo para dirimir a controversia política entre chavistas e antichavistas.

Como Chávez no 2004, a maior parte das enquisas e análises apuntan a unha vitoria de Evo Morales no próximo referendo boliviano, incluso coa posibilidade de superar o 54% da votación que o levou á presidencia en 2005. A pesar da marcada polarización, Morales segue a conservar sólidos índices de aceptación e apoio social e político, especialmente por parte das maiorías indíxenas e populares.

A mesma análise pode inferirse sobre o presumible triunfo electoral dos prefectos opositores en Santa Cruz, Tarija e Beni, coa incerteza do que poida ocorrer en Pando. Concentrando a riqueza enerxética nacional en petróleo e gas natural, este diámetro xeográfico localizado ao oriente do país e denominado a “Media Lúa” boliviana, constitúe a manifestación política e territorial máis palpable da encarnizada oposición a Morales, principalmente destinada a defender unha maior autonomía política, económica e administrativa.

Independentemente do resultado do referendo revogatorio, poucas cousas semellan cambiar a curto prazo en Bolivia, principalmente dende a perspectiva política. Evo Morales podería exhibir un presumible e sólido triunfo electoral que lexitime o seu proxecto político destinado a “refundar Bolivia” e avanzar, mediante a aprobación constitucional, cara un modelo indixenista e socialista.

Pola súa banda, a oposición boliviana consolidaría tamén as súas posicións políticas nos departamentos baixo o seu control, evidenciando así unha polarización territorial entre un Occidente maioritariamente fiel a Evo Morales e un Oriente baixo a autoridade dos prefectos opositores. Dous “países” para dous proxectos aparentemente irreconciliables.

As próximas eleccións presidenciais e lexislativas bolivianas están previstas para finais de 2010. No período que resta, Morales tentará legalizar unha nova Constitución que tantos enfrontamentos e tensións ven xerando e que, no caso de ser aprobada, incrementaría o caudal de confrontación cos departamentos da Media Lúa e os seus aliados políticos.

Deste xeito, Bolivia seguiría inmersa nun interminable labirinto político, coa posibilidade de constituírse nun preocupante centro periférico de inestabilidade na área andina e sudamericana. Se ben o referendo deste domingo practicamente lexitimaría as polarizadas posicións dos principais actores políticos, quizás o seu resultado persuada a estes actores a posibilitar un necesario acordo de gobernabilidade nacional.

 
 

Roberto Mansilla Blanco,
analista do Igadi.

Roberto Mansilla Blanco, clic para aumentar
 
Volver a TitularesVolver a Presenza/Latinoamérica



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 23/08/2008
Fernando Pol Trigo


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta