Presenza-Opinión / Oriente Medio
|
||||||||
Un Irán máis conservador Por Roberto Mansilla Blanco (Xornal, 18/03/2008) |
||||||||
O poder conservador vese reforzado ante un novo fracaso dos sectores cualificados como reformistas, que obtiveron uns 33 deputados. Outros 40 deputados repartíronse entre candidaturas de diversas tendencias políticas, non exactamente clarexadas, mentres un total de cinco deputados representaron ás comunidades étnicas e relixiosas, tales como armenios cristiáns, asirios, caldeos, zoroastrianos e xudeus. Así, o incontestable triunfo conservador reforza aínda máis a baza de poder concentrada en Khamenei e, probablemente, dun xeito indirecto, en Ahmadíneyad, constituíndo igualmente un signo inequívoco de cara ás eleccións presidenciais de 2009. No marco dun complicado contexto internacional para o país, o goberno iraniano observaba estas eleccións como unha especie de referendo sobre a súa xestión. Deste xeito, a votación popular finalmente amosou a necesidade de pechar filas entre os diversos sectores conservadores a fin de unificar criterios e políticas de cara aos posibles mecanismos de confrontación, principalmente dende EEUU e Israel. Se ben en Occidente criticouse a “falta de transparencia” do proceso electoral iraniano, o resultado final non deixa marxe de dúbidas, mentres aumenta a percepción na comunidade internacional da necesidade de propiciar mecanismos de diálogo e negociación no delicado asunto do programa nuclear. Non obstante, existen síntomas que matizan o impacto real deste triunfo conservador. Diversos candidatos desta tendencia semellan erixirse como rivais electorais de Ahmadíneyad para as presidenciais de 2009, especialmente no caso de Alí Laríyani, ex representante ante a Axencia Internacional de Enerxía Atómica (AIEA) e a persoa que mellor coñece o programa nuclear dese país. Laríyani arrasou na súa candidatura pola cidade de Qom, centro sagrado do xiísmo e punto político importante para nivelar a balanza de poder en Teherán. De cara aos comicios presidenciais de 2009, todo apunta a unha loita entre diversas faccións de poder entre conservadores, con Ahmadíneyad e Laríyani como principais expoñentes. O presidente iraniano certifica o reforzamento de poder dos militares e da poderosa Garda Revolucionaria fronte a diversos aiatolás e sectores civís conservadores, mais propensos a aceptar a Laríyani. Con este escenario, o pulso de poder en Teherán dependerá dunha balanza que inclúe ao sector militar, diversas faccións dos aiatolás e os civís, principalmente dentro das filas conservadoras. Este último sector estaría concentrado en Laríyani, cunha candidatura como presidente do Parlamento que aumenta as súas posibilidades políticas. Se ben o triunfo conservador resulta indubidable, observase certo desgaste dentro da sociedade iraniana, especialmente ante as trabas manifestadas nos derradeiros meses para a presentación das candidaturas de diversos candidatos reformistas e independentes, cunha participación que foi rexeitada polo Consello dos Gardiáns da Revolución e importantes sectores de poder dentro dos aiatolás. En todo caso, a votación iraniana resume un claro escenario, explicado pola hexemonía política dos conservadores, cunha vitoria que explicaría a evolución política do país de cara aos comicios presidenciais de 2009. A pesar de diversas trabas xudiciais, os sectores reformistas seguen a ocupar un determinado espazo político, aínda incerto. Así, será en EEUU e Israel onde deberán analizar con maior precaución cales son os sinais verdadeiros deste proceso electoral iraniano. Os próximos comicios presidenciais estadounidenses servirán tamén de termómetro político para avaliar un posible cambio de percepción en Washington cara Teherán. |
||||||||
|
||||||||
|
||||||||
Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional www.igadi.org ÚLTIMA REVISIÓN: 24/03/2008 |
||||||||
|