Presenza-Opinión Volver a TitularesVolver a Presenza/Europa/ Europa
Como acalar minorías
Xosé Manuel Figueiras (A Nosa Terra, 12/06/2008)
 
 

  Richard Corbett; clic para aumentar
Richard Corbett (na foto) foi tamén o parlamentario europeo que, tirando pedras contra o propio tellado, propuxo na mesma semana limitar as preguntas que os parlamentarios europeos lle dirixen á Comisión europea.
 
Dúas das coalicións que forman o Parlamento europeo, a Unión pola Europa das Nacións e o Grupo Os Verdes / Alianza Libre Europea (Verdes/ALE), enfróntanse a unha grave ameaza no Parlamento europeo. O comité de asuntos constitucionais, reunido o 27 de maio, rexeitou por escasa maioría a proposta para incrementar as barreiras de corte para a creación de coalicións neste foro, e no caso de levarse adiante a reforma en futuras consultas significaría deixar á marxe a dous dos actuais grupos existentes neste foro aclarando aínda máis a paisaxe ideolóxica da cámara europea.

A cuestión voltará ser debatida en xullo na sesión plenaria deste foro, e calquera cambio entraría en vigor para os vindeiros comicios do 2009. Dos vintenove membros do comité, 15 votaron en contra e 14 a favor, e as dúas grandes coalicións, o Partido Popular Europeo e os socialistas, esgrimiron razóns de eficiencia para apoiar a reforma. Non obstante, foron incapaces de pechar filas a favor dos dezaseis votos que permitirían saír adiante a proposta.

Os socialistas, que apadriñaron a iniciativa introducida por un dos seus, Richard Corbett, explicaron que a proposta busca eludir a excesiva fragmentación do Parlamento, circunstancia que impide traballar de forma efectiva. Richard Corbett foi tamén o parlamentario europeo que, tirando pedras contra o propio tellado, propuxo na mesma semana limitar as preguntas que os parlamentarios europeos lle dirixen á Comisión europea.

O resto de grupos, excluído por suposto o PPE, cren que non se pode antepoñer a diversidade á eficiencia, e por tanto apagar dunha volta a diversidade de opinións. A proposta vai de camiño cara o reforzamento dos dous grandes grupos (PPE-ED e PSE), e a dominación dos pequenos partidos políticos presentes no panorama continental xusto cando as voces das minorías parecen asolagarse coas novas ampliacións que acrecentan a cacofonía.

Existe por tanto unha estrutura europea onde non se escolle democraticamente un presidente da Comisión en constantes tirapuxas cos baróns que son os xefes dos distintos estados. Por outra banda, temos un Parlamento eivado que só pode opinar e facer suxestións en determinadas materias, e que se ben foi gañando terreo cos anos acabará nas mas dos mesmos partidos que sosteñen o poder localista dos baróns de cada Estado. Polo tanto, chegou o momento no que os agoreiros da estabilidade bipartidista demandan unha maior presenza desprazando a diversidade, que é, a fin de contas, a que aporta os discursos e as problemáticas alternativas.

Habería que reformular o teorema e darlle cabida a unha reforma institucional global onde desaparecesen estas contradiccións. Pero conforme a maquinaria europea se agranda, o discurso dos intereses relevantes gaña presenza, e o respecto das minorías perde importancia.

 
 

Xosé Manuel Figueiras,
colaborador do Igadi.

Xosé Manuel Figueiras, clic para aumentar
 
Volver a TitularesVolver a Presenza/Europa



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 16/06/2008
Fernando Pol


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta