Presencia-OpiniónVolver a TitularesVolver a Presenza/Cuba / Cuba
A lóxica cubana
Por Xulio Ríos (AGN, 29/01/2008)
 
 

  Raúl Castro e Lula da Silva, clic para aumentar
Lula, de recente visita na Habana, expresou o seu apoio nun momento en que a illa “busca modernizarse”, dixo textualmente, ofrecendo créditos, a pesar da débeda existente, que poderían chegar ata os 1.000 millóns de dólares. Brasil, despois de Venezuela, é o segundo socio comercial de Cuba en América Latina. (Foto: Raúl Castro e Lula da Silva na cerimonia de chegada ao Palacio da Revolución, en La Habana, o 15 de xaneiro de 2008. ©Valter Campanato/ABr).
 
Sería contrario a toda lóxica que o próximo 24 de febreiro os deputados cubanos elixiran de novo a Fidel Castro como presidente do país. O tempo transcorrido dende xullo de 2006, cando foi intervido cirúrxicamente, evidencia que a madureza da sociedade e dos dirixentes cubanos permite a folgura suficiente como para encarar unha alternancia persoal no poder, no Estado e no Partido Comunista cubano, sen que por iso haxa que temer crises sociais ou políticas fóra de control. A finais de decembro, Fidel mesmo insistiu en que non está aferrado ao poder. É hora de pasar o relevo, pero a decisión final, máis que do propio Parlamento cubano, é cousa del.

A conxuntura que se lle presenta actualmente ao liderado cubano podería ser irrepetible. En primeiro lugar, conta con aliados poderosos e influíntes nunha rexión cun signo político moito máis favorable ca noutros tempos. Non só a Venezuela de Chávez senón tamén, por exemplo, o máis moderado Brasil de Lula, de recente visita na Habana, onde expresou o seu apoio nun momento en que a illa “busca modernizarse”, dixo textualmente, ofrecendo créditos, a pesar da débeda existente, que poderían chegar ata os 1.000 millóns de dólares. Brasil, despois de Venezuela, é o segundo socio comercial de Cuba en América Latina. En segundo lugar, ábrese a perspectiva dun cambio de Administración en EEUU que pode facilitar o diálogo que tantas veces leva reclamado Raúl Castro dende que tivo ocasión de facelo. En terceiro lugar, o inmenso debate levado a cabo no seo da propia sociedade cubana alentou o optimismo sobre a inminencia e inevitabilidade dun cambio, aínda que non para todos signifique o mesmo. Desperdiciar esta ocasión e non ser consecuentes agora co discurso lanzado no último ano, sería un erro estratéxico que si podería derivar en crise.

O próximo 24 de febreiro será unha data clave para o presente e futuro de Cuba. E a aposta, ambiciosa, debería estar á altura do atrevemento e o pragmatismo que reclaman tantos sectores internos para pechar unha etapa e abrir outra, non soamente do punto de vista histórico, mais tamén da capacidade para encarar un tempo de renovación que Fidel non está en condicións de acompañar ata 2013, aínda que poida achegar a el a súa experiencia. Dezaoito meses de goberno interino abondan para evidenciar tanto as fortalezas como as feblezas, que de todo hai nun réxime que de persistir nas súas teimas clásicas podería ter, coma Fidel, os días contados. É hora de salvar as ideas, renunciando ao idealismo. Ese é o reto.

 
 

Xulio Ríos,
director do Igadi.

Clic para aumentar
 
Volver a TitularesVolver a Presenza/Cuba



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 26/01/2008
Fernando Pol


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta