Presencia-OpiniónVolver a TitularesVolver a Presenza/Cuba / Cuba
Arroz á cubana
Por Xulio Ríos (AGN, 15/04/2008)
 
 

  Raúl Castro; clic para aumentar
Os espazos que poida abrir Raúl no futuro deberían ter en conta tamén a importancia de robustecer a autonomía e a iniciativa social alí onde o poder estatal afogou a capacidade creativa e innovadora. É na sociedade, e non só no poder, onde radica a garantía principal de que Cuba non se acabe convertendo nunha illa á deriva.
 
Os primeiros cambios introducidos por Raúl Castro afectan a dous aspectos básicos da realidade cubana: a produción e o consumo, liberalizando, aínda que timidamente, actuacións longamente demandadas pola sociedade deste país caribeño. A expectación céntrase agora noutro eido importante, maiores facilidades para poder viaxar. A agricultura, a produción en xeral, pero, sobre todo, “aire para respirar” en doses crecentes é un requerimento indispensable e perfectamente accesible en moitos aspectos onde campean prohibicións que revelan o especial do período en que se adoptaron, pero tamén os temores e feblezas do propio réxime.

Os cambios que Raúl pode introducir en Cuba terán como denominador común unha liberalización que non cuestione o sistema de poder. Ese é o seu límite e non será quen de traspasalo. Tal como se aventuraba, o modelo chinés está no cerne das súas propostas, pero serao como idea, a súa plasmación práctica terá que tomar moi en conta as múltiples singularidades da illa, cunha estrutura socioprodutiva e un ascendente cultural ben distinto. E o gradualismo será o seu método.

Se de algo serviu o derrube do muro de Berlín foi para finiquitar as uniformidades e transformar o que antes era heterodoxia en norma de conduta para afincar vías propias que poidan conducir a un maior progreso e benestar. Esa reflexión hai que tela en conta tamén dende outras posicións. As veces da a impresión de que o muro de Berlín caeu só para un lado. Preconizar como solución de todos os males a aplicación rigorosa e automática da receita pluralismo-mercado onde o binomio é partido único-planificación, podería acabar resultando outra versión dunha teoloxía semellante á que se afundiu no Leste. A realidade é máis complexa, aínda que a diversidade de labirintos non debe ser escusa para obviar o respecto a valores universais, aínda admitindo que a súa xestión poida requirir fórmulas propias e tránsitos adaptados. Pero nunca escamoteos.

Os espazos que poida abrir Raúl no futuro deberían ter en conta tamén a importancia de robustecer a autonomía e a iniciativa social alí onde o poder estatal afogou a capacidade creativa e innovadora. É na sociedade, e non só no poder, onde radica a garantía principal de que Cuba non se acabe convertendo nunha illa á deriva.

 
 

Xulio Ríos,
director do Igadi.

Clic para aumentar
 
Volver a TitularesVolver a Presenza/Cuba



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 13/04/2008
Fernando Pol


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta