Presenza-Opinión Volver a TitularesVolver a Presenza/Outros/ Outros
Desdolarización
Xulio Ríos (AGN, 30/11/2008)

Versión en PDFVersión para imprimir

 

  3º Cumio Extraordinario ALBA-TCP; clic para aumentar
Chávez convocou os líderes do ALBA (Alternativa Bolivariana para os Pobos de América) co propósito de discutir medidas para encarar a crise financeira mundial e abordala cunha sensibilidade e perspectiva diferente á exhibida polas grandes potencias.
 
A voltas coa crise, sen respiro a pesar da gravidade das tensións xurdidas en lugares tan afastados como Tailandia ou a India, entre laios pola supina ignorancia dos nosos líderes políticos e económicos que non logran transmitir sequera confianza á cidadanía respecto da indicación das súas causas (non digamos xa da súa superación) pero tamén pola inexistencia de alternativas superadoras do modelo imperante, velaí que irrompe de novo a treboada bolivariana.

Ao pouco de consumar unha nova vitoria nas recentes eleccións municipais (con paliativos serios pola perda de Caracas e o afincamento dunha oposición máis vertebrada nos estados máis ricos), Chávez convocou os líderes do ALBA (Alternativa Bolivariana para os Pobos de América) co propósito de discutir medidas para encarar a crise financeira mundial e abordala cunha sensibilidade e perspectiva diferente á exhibida polas grandes potencias.

A declaración final, que non foi asinada nin por Cuba nin por Dominica pero si por Ecuador, que participa no ALBA a titulo de observador, abunda en tópicos pero tamén suxire outro rumbo. A esencia das propostas deste organismo alternativo a aquel ALCA (Area de Libre Comercio das Américas) que alenta Washington con escaso predicamento, parte dunha crítica ao modelo depredador capitalista e do cuestionamento dun sistema financeiro internacional que promoveu a esgalla a libre circulación de capitais e o dominio da lóxica da especulación financeira sobre a satisfacción das necesidades dos pobos. Ata aí nada novo.

A opción alternativa barallada por Venezuela, Nicaragua, Bolivia, Honduras e Ecuador, non obstante, inclúe a creación dunha zona económico-monetaria capaz de fomentar o desenvolvemento das respectivas economías á marxe das institucións financeiras globais, acusadas de ineficientes, configurando así un espazo liberado do monopolio do dólar como moeda de intercambio e de reserva. Esa “desdolarización” do intercambio económico iría acompañada da creación dunha moeda común, o sucre.

Á sobremesa chegaba ao aeroporto de Maiquetía o presidente da Federación Rusa, Dmitri Medvedev. No Palacio de Miraflores quedaban aínda algúns atando os cabos do acordo, un texto que apunta noutra dirección, quizais impecablemente formulado, pero certamente difícil de plasmar sen a anuencia e o compromiso de valedores externos de peso que hoxe, polo momento, seguen amosando outras urxencias e temores en carteira se ben sen perder de vista a oportunidade de erosionar o aínda inmenso poder do dólar.

 
 

Xulio Ríos,
director do Igadi.

Xulio Ríos, clic para aumentar
 
Volver a TitularesVolver a Presenza/Outros



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 10/12/2008
Fernando Pol Trigo


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta