Presenza-Opinión Volver a TitularesVolver a Presenza/Latinoamérica/ Latinoamérica
O dilema boliviano
Xulio Ríos (AGN, 17/08/2008)
 
 

  Evo Morales; clic para aumentar
A xulgar polas declaracións e iniciativas de Evo Morales, moi fortalecido politicamente por estes resultados, a primeira aposta é o diálogo, primando a formalización dunha axenda de traballo con aqueles sectores da oposición dispostos a negociar. Pero se o que se pretende é resolver a crise política, esa negociación esixirá contrapartidas e cesións importantes que deixarán en entredito algúns aspectos, quizais substanciais, da revolución democrática auspiciada polo presidente boliviano, incluído o cambio de modelo económico.
 
A ratificación de Evo Morales e de varios prefectos no referendo revogatorio celebrado recentemente en Bolivia alixeira pouco a fenda aberta neste país andino, que atravesa unha canella de difícil saída. É incontestable o triunfo do presidente Morales, quen superou a votación obtida en decembro de 2005 (con oito puntos máis que superan os dous terzos do electorado), como tamén o é o firme aval logrado por algúns dos seus opositores. A tesitura ante a que se atopa o goberno en La Paz é a de propiciar o diálogo ou acelerar o paso da reforma, impulsando a nacionalización de sectores estratéxicos da economía como os hidrocarburos e esa nova Constitución en trámite, hoxe en conflito cos estatutos autonómicos, ilegais, aprobados polos departamentos de Santa Cruz, Tarija, Pando e Beni.

A xulgar polas declaracións e iniciativas de Morales, moi fortalecido politicamente por estes resultados, a primeira aposta é o diálogo, primando a formalización dunha axenda de traballo con aqueles sectores da oposición dispostos a negociar. Pero se o que se pretende é resolver a crise política, esa negociación esixirá contrapartidas e cesións importantes que deixarán en entredito algúns aspectos, quizais substanciais, da revolución democrática auspiciada polo presidente boliviano, incluído o cambio de modelo económico. A fin de contas, ese é o fondo do problema, e non as demandas autonomistas coas que pretenden unicamente debilitar o goberno de Morales, quen xa adiantou estar disposto a consideralas para toda Bolivia, para conservar os seus privilexios sociais, económicos e étnicos.

Nesas condicións, atopar puntos de coincidencia entre o oficialismo e a oposición (que xa convocou un paro cívico para o 19 de agosto), de ser posible, vai demandar moita paciencia e sabedoría para vencer tanto o estado comatoso da dereita tradicional, que se nega a recoñecer a nova realidade e alenta políticas abertamente desestabilizadoras, violentas e de obstrución sistemática, como as posturas mais belixerantes no seo do gobernante Movemento ao Socialismo, que agora clamarán por acelerar os cambios estruturais co apoio dunha base social e electoral que hoxe está máis motivada ca nunca.

Ese diálogo interno, que debería traducirse, cando menos, nun cambio de ritmo, debe completarse cunha axenda rexional na que Brasil e Arxentina, principais consumidores do petróleo e gas das provincias autonomistas, son países determinantes. Polo momento, semellan estar con La Paz.

 
 

Xulio Ríos,
director do Igadi.

Clic para aumentar
 
Volver a TitularesVolver a Presenza/Latinoamérica



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 19/08/2008
Fernando Pol


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta