Presenza-Opinión / Rusia Volver a TitularesVolver a Presenza/Rusia
O xiro exterior de Medvedev
Por Xulio Ríos (AGN, 10/08/2008)
 
 

  Dmitry Medvedev; clic para aumentar
A nova política exterior rusa, inventariando os disensos, aspira a mellorar as relacións con Occidente. Sen embargo, predomina o escepticismo respecto ás posibilidades efectivas de mudar a atmosfera que tensiona as relacións bilaterais nos últimos anos, especialmente dende que EEUU, en 2007, propuxo instalar un sistema de defensa anti-mísiles en solo europeo, ás portas de Rusia, avanzando a súa influencia no Cáucaso, nomeadamente en Xeorxia, inmersa nun duro pulso co Kremlin por saír da súa órbita de influencia. Medvedev (na foto) ameaza con “reaccionar adecuadamente”, asegurando que europeos e americanos “están advertidos”.
 
O presidente ruso, Dmitry Medvedev, ratificou un novo documento no que se detallan as directrices xerais do que será a súa política exterior, concretando orientacións con respecto a actores básicos como EEUU, Europa e a OTAN, cos que rexistra certas friccións. O novo marco, que completa e desenvolve a estratexia promovida por Putin en 2000, critica o unilateralismo, sinalado como o principal factor desestabilizador da situación internacional, capaz de provocar carreiras de armamentos, conflitos e profundas fendas nacionais e relixiosas. No documento, Moscova, apostando polo multilateralismo, concede especial importancia ao establecemento dunha asociación estratéxica con EEUU, instando a superación da principal barreira que a impide: a vixencia dos principios e ameazas do pasado e a inexistencia dun respecto mutuo que impida socavar os respectivos intereses. A adopción de medidas para xerar confianza en diferentes ámbitos sensibles é parte inseparable dunha hipotética refundación das relacións bilaterais.

No que atinxe a Europa, o Kremlin non introduce novidades substanciais. Reivindica un diálogo equitativo que teña en conta o principio de que a seguridade esixe un sistema aberto e cooperativo, en cuestión, segundo Moscova, pola expansión da OTAN cara o Leste, criticando efusivamente a posible incorporación, como membros, de Ucraína e Xeorxia. Ese alargamento resulta incompatible co desenvolvemento de vínculos estables con Rusia, quen quixera reducir a dependencia europea de EEUU en materia de seguridade.

En resumo, a nova política exterior rusa, inventariando os disensos, aspira a mellorar as relacións con Occidente. Sen embargo, predomina o escepticismo respecto ás posibilidades efectivas de mudar a atmosfera que tensiona as relacións bilaterais nos últimos anos, especialmente dende que EEUU, en 2007, propuxo instalar un sistema de defensa anti-mísiles en solo europeo, ás portas de Rusia, avanzando a súa influencia no Cáucaso, nomeadamente en Xeorxia, inmersa nun duro pulso co Kremlin por saír da súa órbita de influencia. Medvedev ameaza con “reaccionar adecuadamente”, asegurando que europeos e americanos “están advertidos”. Días atrás, Rusia anunciou a intención de reanudar a súa presenza militar en Cuba e outros países veciños de EEUU, sen descartar a posibilidade de estacionar tropas na illa caribeña. Novo documento, pois, con vellos reflexos. Agora haberá que comprobar se son ou non expresión, a partes iguais, de descontento e impotencia, con poucas variacións e menores posibilidades de recuperar unha influencia substancial na evolución de fenómenos clave das relacións internacionais.

 
 

Xulio Ríos,
director do Igadi.

Xulio Ríos, clic para aumentar
 
Volver a TitularesVolver a Presenza/Rusia



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 23/08/2008
Fernando Pol Trigo


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta