Presenza-Opinión/ Estados Unidos
|
||||||||
Obama canta vitoria Por Xulio Ríos (AGN, 25/05/2008) |
||||||||
Este novo contexto sitúa como desafío máis importante para o candidato demócrata o lograr o apoio dos votantes de H. Clinton para poder enfrontarse, con certas garantías de éxito, ao republicano McCain. A fenda aberta entre os candidatos demócratas soamente poderá pecharse garantindo unha derrota digna ao seu rival, que moitos preferían pola súa idoneidade para impoñerse ao candidato republicano. Nesas condicións, os demócratas poderán tirar proveito electoral da caída en picado das expectativas de voto dos seus competidores. Os problemas económicos ou a guerra de Iraq acentúan a impopularidade do goberno de George Bush e McCain ten e terá serias dificultades para desentenderse dese mandato, a pesar dos seus esforzos por ofrecer unha imaxe independente e distanciada do núcleo duro do seu partido. O nivel de desaprobación da xestión de Bush rolda, segundo varias enquisas, o 70 por cento. Pola contra, a moral entre os demócratas segue estando alta. O entusiasmo amosado polos votantes que concorren ás primarias indica un nivel de mobilización pouco usual. Indubidablemente, nel influíu a dura rivalidade entre os dous candidatos. Obama, que atopa resistencias entre os seguidores de H. Clinton nalgúns estados (Kentucky, Virxinia, etc), ten como reto esencial transformar o capital acumulado nunha oportunidade que evite que eses sufraxios se encamiñen cara a abstención ou, peor aínda, cara os republicanos. A ser posible, antes da convención de agosto. Daquela, saberemos mellor se haberá ou non oportunidades para unha nova política en EEUU. O mundo precisa con urxencia esa mudanza. |
||||||||
|
||||||||
|
||||||||
Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional www.igadi.org ÚLTIMA REVISIÓN: 23/05/2008 |
||||||||
|