Presenza-Opinión Volver a TitularesVolver a Presenza/Outros/ Outros
Semifinais dunha nova xeopolítica global
Xulio Ríos (Tempos Novos, outrubro/2008)
 
 

  Patrick Duddy; clic para aumentar
En América Latina, a tensión nos Andes, agravada no plano externo pola expulsión dos embaixadores estadounidenses en La Paz e Caracas e no interno pola multiplicación de incidentes violentos nos departamentos da Media Lúa boliviana que controlan as forzas opositoras ao presidente Morales, está a provocar reaccións politicamente intensas. (Foto: Patrick Duddy, embaixador de EEUU en Venezuela, cuia expulsión do país foi ratificada por Hugo Cháves o 13 de setembro de 2008).
 
A recta final da campaña para as eleccións presidenciais estadounidenses, previstas para novembro próximo, coincide co agravamento da crise económica e financeira interna, de consecuencias incertas no plano global, e a exacerbación das tensións en diferentes puntos do escenario internacional onde EEUU desempeña un papel significativo, deixando constancia, entre outras variables, das múltiples tendencias, manifestacións e tamén resistencias, que suscita a confirmación desa multipolaridade que, pouco a pouco e inevitablemente, vaise abrindo camiño no sistema internacional.

Dunha banda, en América Latina, a tensión nos Andes, agravada no plano externo pola expulsión dos embaixadores estadounidenses en La Paz e Caracas e no interno pola multiplicación de incidentes violentos nos departamentos da Media Lúa boliviana que controlan as forzas opositoras ao presidente Morales, está a provocar reaccións politicamente intensas que, probablemente, coas negociacións en curso, non se agravarán moito máis agora que a Bush soamente lle quedan poucos meses de mandato, se ben achéganos novidades significativas como a reunión de Chile de UNASUR (Unión de Nacións Suramericanas) e a solidariedade da práctica totalidade dos países da rexión que, ao tempo, decidiron revalidar a condición mediadora de Brasilia que se afianza como un interlocutor clave, tamén no eido da resolución de conflitos. Bolivia foi, precisamente, o primeiro país en ratificar o Tratado Constitutivo desta nova plataforma integradora, da que EEUU está excluído.

Chávez propuxo hai meses fortalecer a cooperación entre Venezuela, Brasil e Arxentina mediante a creación dun eixe central do sur que sumaría as capacidades económicas dos dous últimos (que representan máis da metade do total rexional) e ese dinamismo e influencia política de Caracas que segue medrando en intensidade en razón dunha utilización do recurso petroleiro que está transformando a xeopolítica rexional. As sombras que pesan sobre esta proposta de cooperación son moitas xa que tanto Brasilia como Bos Aires marcan distancias con respecto ás visións de Chávez a propósito da integración e Lula ansía fortalecer en solitario a súa posición rexional e internacional a todos os niveis, concedendo prioridade diplomática a EEUU, a UE e China, fundamentalmente, distanciándose da belixerancia verbal do líder bolivariano.

Pola contra, entre os grandes, hoxe considerados economías emerxentes, Caracas semella dirixir a súa mirada cara Moscova, onde Medvedev e Putin soñan con recuperar parte da influencia perdida nun ámbito de tradicional e predominante presenza estadounidense. O día 7 do mes pasado, Chávez anunciou que catro barcos de guerra de Rusia con máis dun milleiro de efectivos a bordo, visitarán Venezuela a finais de novembro, realizando manobras militares no Caribe xunto coa Marina venezolana. Sen compartir discurso ideolóxico algún, o que une a uns e a outros é o interese común en contrarrestar a ofensiva de EEUU nos campos militar e diplomático para garantir, a toda costa, o seu preponderante dominio mundial.

En China, país que visitou a finais de setembro por sexta vez consecutiva, Chávez segue avanzando na plasmación de acordos económicos, culturais, tecnolóxicos e tamén militares, aínda que atopa máis e abertas resistencias para sumar o xigante asiático á súa teima antiimperialista. Así mesmo, Pequín procura ir con moito tento no seu achegamento a América Latina, onde a súa influencia económica e política non para de medrar, coidando sempre de que esa presenza, que rapidamente evoluciona do económico ao político, non sexa interpretada polo veciño do Norte como un intento de afectar os seus tradicionais intereses. O diálogo político bilateral entre EEUU e China sobre América Latina, que funciona dende hai algúns anos, serviulle a China para calmar as críticas dos conservadores estadounidenses que clamaban contra a presenza oriental no estratéxico canal de Panamá e a ofensiva sobre as materias primas do continente.


O regreso de Rusia

Rusia, pola contra, recolleu o envite. Primeiro, en Xeorxia, deixando en claro que mesmo está considerando a ampliación do seu apoio ao plan nuclear iraniano para enfrontarse á expansión da OTAN cara o Leste e a presenza de buques de guerra estadounidenses no Mar Negro. Segundo, e coincidindo coa visita do vicepresidente Cheney á zona, axitando as augas da política ucraína, onde a ruptura da coalición “laranxa” gobernante, por mor do enfrontamento entre os partidarios do presidente Yuschenko e a primeira ministra Tymoshenko, abre novos horizontes de convulsión política. Nesa ebulición, a viraxe da coalición de Tymoshenko cara o opositor e prorruso Partido das Rexións de Yanukovich aventura novas crises políticas e unha probable anticipación das eleccións que deixaría en suspenso a hipotética inminencia dunha aproximación á OTAN, que Washington quer adiantar para decembro no caso de Xeorxia.

O terceiro piar desa resposta conduce de novo, directamente, ao Caribe e América Latina, onde Rusia ansía fortalecer a súa cooperación militar. Nunha recente visita a Cuba, Nikolai Patrushev, secretario do Consello de Seguridade da Federación Rusa, trasladou a Raúl Castro a mensaxe de Putin, é dicir, a ambición de restaurar posicións en Cuba e noutras rexións do mundo, incluída a posibilidade de estacionar tropas. A zona caribeña é unha “cabeceira de ponte” de EEUU para controlar América Latina no económico e no militar. A visita da mariña rusa a Venezuela e as manobras conxuntas das armadas dos dous países constitúen un xesto destinado a evidenciar aos barcos de guerra de EEUU que o tempo de navegar sen impedimento algún no mar Caribe, podería estar chegando ao seu fin, máis aínda no caso de establecérense bases de abastecemento en Venezuela, realizando manobras ou patrullando a zona, pondo fin á actual superioridade absoluta que ostentan na rexión e coa conseguinte perda de capacidade de disuasión militar en América Latina.

Por outra banda, as posibilidades dunha implicación de Moscova en materia de cooperación enerxética con países como Venezuela, Bolivia e Ecuador e a aposta pola organización dunha “OPEP do gas natural”, facilitaríalle maiores capacidades para encararse con EEUU e a UE, forzando unha negociación á alza das súas expectativas co horizonte de acercar posicións caso de gañar as eleccións de novembro o candidato demócrata.


¿Beneficios para China?

No outro extremo do globo, en Asia, mentres Xapón vive un novo episodio de crise interna trala dimisión do primeiro ministro Yasuo Fukuda, China, en plena resaca olímpica, contempla as subidas de ton entre Washington e Moscova como excesos verbais cun futuro aínda incerto pero descartando a reedición dunha nova guerra fría en función da necesidade común de ambas de partes de albiscar unha forma de entendemento. Pequín, aínda amosando o seu apoio a Rusia na crise do Cáucaso e nas súas críticas aos plans da OTAN, baixo ningún concepto vai deixarse arrastrar polos cantos de serea de Moscova. Na recente reunión da Organización de Cooperación de Xangai (OCX), celebrada en Tadxiquistán, tanto Pequín como as demais capitais de Asia Central, eludiron apoiar o recoñecemento unilateral das independencias de Osetia do Sur e Abxasia –tema complexo para China cando a súa integridade territorial está permanentemente en cuestión-, outeando que un mutuo desgaste de ambas potencias afiance a súa credibilidade diplomática global e facilite mesmo a satisfacción dos seus intereses enerxéticos. De feito, se estas diverxencias, as primeiras serias da OCX dende a súa creación en 2001, dan conta da relativa febleza desta alianza, Pequín podería verse beneficiada polas reticencias, cada vez maiores, dos países centroasiáticos que privilexiaban a Rusia na súa política de comercialización dos recursos petroleiros, e que agora, ante a inestabilidade que suxire a tensión con Occidente, optarían por achegarse a China. Actualmente, Pequín constrúe un gasoduto para transportar o gas a través de Uzbequistán e Kazajstán, e xa acordou a compra anual de ata 40.000 millóns de metros cúbicos de gas a Turkmenistán.

Se China, co seu discurso de emerxencia pacífica e harmonía, empeñada en afianzar o seu crédito como potencia responsable dada a súa maior dependencia do exterior (petróleo e outras materias primas, ademais de investimentos), exclúe arriscar hoxe secundando alianzas que prexudiquen as súas credencias diplomáticas no plano global, cómpre non perder de vista, por outra banda, os diferentes movementos que apuntan á vertebración dunha relación preferente USA-China, conformando unha especie de G2 que asuma a dirección económica global.

A base dese entendemento radica no diálogo económico estratéxico bilateral posto en marcha en 2006 no cumio celebrado en Washington por Hu Jintao e George Bush, ante a multiplicación das tensións entre ambos países en asuntos de especial transcendencia como o déficit comercial estadounidense, a convertibilidade do iuán (moeda chinesa) ou a liberalización do sector financeiro no xigante asiático. A creación dun G2 foi suxerida hai algún tempo por Fred Bergsten, director do Instituto Peterson para a Economía Internacional, quen propuña tamén a ampliación do G8 ata sumar un total de quince países. Ese entendemento bilateral entre EEUU e China, excluíndo a Rusia, aínda ás portas da OMC, abundaría nunha alianza que tamén se trasladaría a outros planos co propósito de afianzar a comprensión e confianza estratéxicas.

Todos estes tránsitos, revalidados por informes como o presentado en xullo pasado por Albert Kleidel, ex economista do Banco Mundial, no que vaticina que a produción de China superará a estadounidense en 2035, podendo chegar a duplicala en 2050, inciden nesa pugna xeopolítica global que debuxará un novo escenario, inédito, e que as diversas resistencias das forzas interesadas en manter o actual statu quo dificilmente lograrán impedir adoptando accións unilaterais ou mesmo ampliando e robustecendo alianzas baseadas nas vantaxes militares ou tecnolóxicas actuais que aínda lle proporcionan un poder respectable en dimensións parciais das relacións internacionais.

Mermada no seu protagonismo, a entrega da UE á actual estratexia estadounidense prívana dunha autoridade que outros actores quixeran recoñecer como exercicio da súa autonomía global. Pero non parece que vaia a ser así. A Europa institucional asiste de brazos cruzados ás semifinais dunha transición que, pola contra, debería permitirlle, como a Xapón, emanciparse e recuperar un sentido propio da normalidade histórica.

 
 

Xulio Ríos,
director do Igadi.

Xulio Ríos, clic para aumentar
 
Volver a TitularesVolver a Presenza/Outros



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 22/09/2008
Fernando Pol Trigo


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta