Presenza-Opinión / Asia
|
||||||||
Un Timor máis australiano Por Xulio Ríos (Galiza Nación, 15/02/2008) |
||||||||
Alfredo Reinaldo, treinado en Australia, puido organizar o atentado ante a negativa do tándem Horta-Gusmao a aceptar o reingreso no exército dos 600 soldados que a comezos de 2006 licenciou Alkatiri, reclamación instada desde que o líder do FRETILIN abandonou o goberno. Pero Reinaldo, fugado do cárcere en agosto de 2006, esixía tamén a saída das tropas australianas de Timor, algo inaceptable para Hortas-Gusmao quen, por outra banda, “protexían” ao fuxitivo Reinaldo reclamando das forzas internacionais que non se afanasen na súa detención. Recentemente, Reinaldo demandaba a dimisión do goberno de Gusmao e a entrega do poder a Ramos-Horta, pero este foi, paradoxalmente e á vista dos feitos, o máis prexudicado polo atentado. E Reinaldo sabía, probablemente demasiado, das tensións ocultas que orixinaron os acontecementos de abril-maio de 2006 (37 mortos e milleiros de refuxiados) e que, á postre, permitiron aos australianos aumentar a súa presenza e desfacerse dun primeiro ministro hostil. Sexa como for, unha cousa segura se desprende deste enredo: a división interna e a desintegración das forzas policiais e armadas levan de cabeza a Timor, e Australia, a onde foi trasladado de urxencia o malferido presidente Ramos-Horta, non desaproveita a ocasión para reforzar a súa presenza policial e militar (con 200 efectivos máis) na antiga excolonia portuguesa. O 15 de febreiro, Kevin Rudd, o primeiro ministro australiano, viaxa a Dili para reunirse con Gusmao, por certo, sempre protexido polas forzas militares australianas. Mentres, Portugal, que abandonou o país en 1975, e a comunidade de países lusófonos permaneceu en ignorado paradeiro, cedendo un pouco máis de poder ao goberno anglófono australiano. Nin o máis mínimo apoio. Unha pena de ocasión perdida. Os australianos e o seu neocolonialismo quedarán moitos anos en Timor, condicionando a súa política interna. En febreiro de hai un ano foille outorgada definitivamente a Canberra a explotación dos maiores campos de hidrocarburos do mar de Timor, Greater Sunrise e Bayu Undan, unha decisión que se viña adiando desde 2004 e que Alkatiri non secundaba, preferindo, din, a China como socio. O primeiro estado do século XXI e o máis pobre de Asia, logo de 25 anos padecendo a severa represión de Iakarta, atravesa grandes dificultades, probablemente relacionadas coas tensións que esperta a cobiza polo seu petróleo e gas e que no seu día puideron alentar a revolta contra Mari Alkatiri, o primeiro ministro, pouco favorable, a diferenza de Gusmao, ás ambicións de Canberra, no seu día contraria á independencia de Timor e hoxe reconvertida no seu quinteiro. Un Estado independente, pero cada vez menos soberano. |
||||||||
|
||||||||
|
||||||||
Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional www.igadi.org ÚLTIMA REVISIÓN: 17/02/2008 |
||||||||
|