Presenza-Opinión / Outros
|
||||||||
Os dereitos dos pobos indíxenas: das palabras aos feitos Ester Castro Cidre (igadi.org, 05/06/2009) |
||||||||
A nivel internacional, os dereitos das comunidades indíxenas están amplamente recoñecidos a través de diferentes instrumentos e tratados que interactúan como un amplo sistema de normas e procedementos, concibidos para a protección e o respecto dos mesmos. Devanditos instrumentos, como o Convenio 169 da Organización Internacional de Traballo (OIT), a Convención Internacional sobre a Eliminación de todas as Formas de Discriminación Racial (CERD) e a Declaración e Programa de Acción de Durban (Sudáfrica), son concibidos para atender as aspiracións de fortalecemento e promoción da identidade, formas de vida e desenvolvemento económico dos pobos indíxenas. Neste sentido, e como fito histórico cabe resaltar que o 13 de setembro de 2007, tras un proceso de longas negociacións, 143 países dun total de 192 aprobaron a adopción da Declaración Universal de Dereitos dos Pobos Indíxenas establecéndose e creando parámetros básicos de respecto aos dereitos, tanto colectivos como individuais, destas comunidades en relación á propiedade da terra, acceso aos recursos naturais nos seus territorios, respecto e preservación das súas tradicións, culturas, idiomas… Ademais, entre estes importantes avances, fica recoñecido nesta Declaración o dereito á autodeterminación e preservación das súas diferentes institucións políticas, legais, económicas, sociais e culturais. Con todo, e pese a que moitos gobernos adoptaron políticas sociais co obxectivo de diminuír a violación dos dereitos dos pobos indíxenas, actualmente aínda persiste un panorama sombrío caracterizado pola discriminación e marxinación destas comunidades, que se traduce en índices alarmantes de pobreza, limitado acceso a servizos básicos, falta de posesión de terras e territorios, desemprego acentuado, persistente desprotección xurídica, elevados índices de analfabetismo e unha alta carga de enfermidades e mortes prematuras, onde predominan aquelas que poden, facilmente previrse. Estímase que existe un número total de poboación indíxena no mundo que ascende, aproximadamente, a 370 millóns de persoas, integradas en 5.000 comunidades, concentrándose maioritariamente en Asia, onde habitan, aproximadamente, 150 millóns, e en América Latina cun 10% da poboación total, alcanzando ao redor de 50 millóns de persoas. E é especialmente nos países en vía de desenvolvemento económico onde as comunidades indíxenas seguen a ser vítimas de violacións aos seus dereitos humanos, perda de liberdades fundamentais, así como a invasión dos seus territorios por grandes consorcios transnacionais. Velaí que urxe facer realidade a letra dos tratados e acordos manifestados, modificar actitudes discriminatorias e apoiar e incluír novas formas de relacionarse entre os pobos indíxenas e os Estados co fin de lograr o correcto exercicio dos seus dereitos individuais e colectivos e evitar os continuos abusos aos que seguen expostos. |
||||||||
|
||||||||
|
||||||||
Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional www.igadi.org |
||||||||
|