Presenza-Opinión Volver a TitularesVolver a Presenza/Outros/ Outros
Paradoxos do petróleo
Fernando Pérez-Barreiro Nolla (A Nosa Terra, 02/07/2009)

Versión para imprimir

 

Convén por veces parar no medio da vertixe dos acontecementos e do carrusel da diplomacia e guarismar nos tópicos aos que imos como se fosen explicativos e fóra de dúbida. En cuestións de guerras e conflitos armados, nas que a patoloxía social está tan descuidada cando tanta falta faría, e sorprende que sa faga tanto estudo da paz e tan pouco das raigañas do conflicto, repítese ao falar de guerras recentes, como si se tratase dunha descoberta reveladora, algo así como as intuicións darwinianas ou freudianas, que toda a culpa ven de querer o control do petróleo. Que, por baixo dos motivos que se achegan para xustificar o uso das armas, está o petróleo.

Trátase de deslexitimar o recurso ás armas si se revela que, en realidade, todo é polo petróleo. A ética da guerra nunca estivo clara. Un fenómeno que acompaña a historia humana, antes do amor, si non antes da sexualidade, vai recollendo interpretacións e seudoxustificacións según a moda dos tempos ou a historia das ideas, si queremos darlle máis nobreza terminolóxica. A literatura occidental comeza cunha historia de guerra sin aforro de sangue. E a reflexión moral non avanzou moito. Todo o máis, prantexouse no cristianismo a cuestión da guerra xusta, admitindo que guerras ten que haber.

Queda de todo iso unha especie de xerarquía das invocacións que se fan para movilizar ao pobo, ou máis ben á xuventude, aínda que nos tempos da guerra total o risco se xeneralice. Chámase as armas para defender a patria, ou as fronteiras, ou a civilización. En tempos máis recentes, invócase a defensa da democracia, ou a do Islam ameazado, por citar dúas que teñen vixencia ben actual. Calquera desas invocacións ennombrece. E para desacreditar idealismos dise, por exemplo, que non hai tales ideais, que ¨todo é polo petróleo¨.

¿E por qué non había de ser? Esa frase pódese dicir ao volante dun automóvil ou no confort dunha viaxe aérea. O petróleo que fai posible esas comodidades ¿non xustificará que outros morran por conseguilo? ¿Non haberá aí tanta hipocresía como a que leva a ocultar o motivo económico con proclamas idealistas?

Enguedéllase o tema có angulo ecolóxico. Cando queremos sustituir o petróleo por outras fontes de enerxía, xúntase á preocupación ética un tema xeopolítico, que é o da independencia enerxética. Se o petróleo non está nas mans de quen no sexa do noso agrado, millor sería non depender dele. Pero cando pensamos así, esquecemos que o petróleo é o motor do desenvolvimento de moitos países que resulta que non foron os vectores da nosa modernidade. Que os ingresos procedentes do petróleo se usen ¨mal¨ , como nos reximes autocráticos, ou ¨ben¨ como nos populistas, non é o fundamental. Compre perguntar si de verdade queremos deixar desprovistas de recursos e dependentes de novo da nosa boa vontade a esas partes do mundo polas que as nosas democracias occidentais tanto gostan de verter bágoas de cocodrilo.

É ben difícil saber o que queremos e distinguilo de que queremos querer.

 
 

Fernando Pérez-Barreiro Nolla é membro do Consello Asesor do Igadi.

 
Volver a TitularesVolver a Presenza/Outros



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 02/07/2009


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

 

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta