Acción exterior Volver a TitularesVolver a Acción exterior
Acción exterior e proceso electoral: Dez premisas básicas
Igadi (igadi.org, 18/02/2009)

Versión en PDFVersión para imprimir

 

  Eleccións ao Parlamento de Galicia 2009; clic para aumentar
As eleccións do 1 de marzo abrirán un novo tempo político en Galicia. Calquera que sexa o seu signo, a acción exterior reclamará unha atención crecente e decisiva nos próximos anos. [Foto: Logo da campaña institucional da Xunta para as Eleccións ao Parlamento de Galicia o 1 de marzo de 2009].
 
As eleccións do 1 de marzo abrirán un novo tempo político en Galicia. Calquera que sexa o seu signo, a acción exterior reclamará unha atención crecente e decisiva nos próximos anos. De seguido, enuncianse dez premisas básicas que permiten identificar algunhas variables e demandas esenciais para reforzar a dimensión exterior da acción política galega.

1. Promover un impulso político no que atinxe ás relacións con Portugal, onde Galicia está a perder espazo e influencia en relación a outros actores peninsulares, desaproveitando tanto a súa relación histórica como os vinculos de carácter cultural. Ese impulso político require unha acción integral que involucre ao conxunto dos segmentos da nosa sociedade e visibilice cabalmente a nosa identidade, hoxe aínda desdebuxada no país veciño e irmán.

2. En paralelo á participación nas institucións comunitarias, especialmente naqueles foros que nos son máis acaídos, cómpre alentar unha reflexión sobre os nosos espazos de intervención no marco europeo, propiciando a definición de estratexias que visibilicen a nosa singularidade, circunstancia que puidera aconsellar un maior aproveitamento, potenciación e coordinación no ámbito céltico, escasamente explorado. Galicia pode crear política europea.

3. Habida conta da importancia e trascendencia do fenómeno da internacionalización económica, cómpre instar unha elemental racionalización de instrumentos e estruturas para apoiar e fomentar a saída ao exterior do noso tecido produtivo, asegurando tanto o liderado público como a colaboración das diversas instancias sectoriais garantindo a converxencia de accións.

4. No eido da cultura, os pasos que se deron na lexislatura precedente deben afirmarse, mellorarse e ampliarse, asentando a presenza exterior como unha política clave da nosa industria cultural a todos os niveis, evitando segmentacións que repercuten negativamente no seu aproveitamento e viabilidade efectiva.

5. A propósito da cooperación internacional ao desenvolvemento, constitúe unha demanda esencial o cumprimento dos compromisos de goberno saínte subscritos en 2005. Non obstante, deberase prestar maior importancia á vertebración dun tecido asociativo autóctono máis competitivo globalmente e acentuar a dimensión lusófona da nosa cooperación como vantaxe comparativa e alternativa de especialización.

6. No educativo, científico-tecnolóxico e ámbitos afíns, cómpre fomentar unha estratexia de internacionalización ambiciosa que permita un maior aproveitamento das nosas potencialidades, fomentando o traballo en rede e o involucramento activo das nosas institucións na sociedade do coñecemento.

7. En materia de diáspora urxe unha revolución conceptual que liquide os vellos estereotipos e a rehabilite como pilar esencial dunha estratexia exterior que ten no capital humano un valor de referencia fundamental. Precisamos estratexias integrais que eludan os lamentablemente comúns enfoques parciais e polémicas tendenciosas asegurando mecanismos de participación afastados do paternalismo e rexidos por prácticas modernas e proactivas que traduzan en valor engadido esa natural presenza nosa en numerosos recunchos do planeta.

8. Fomentar o aproveitamento das sinerxías internas, habilitando tanto espazos de integración, participación e coordinación, como medidas de apoio ás estruturas de reflexión e pensamento (think tank) constitúen eixes de primordial importancia para garantir a eficacia e a eficiencia das nosas accións fuxindo de minifundismos estériles e alentando unha independencia construtiva e respectuosa entre o poder público e a sociedade civil.

9. Evitar a tentación de partidirizar e patrimonializar a acción exterior significa crer na capacidade de construir consensos amplos e duradeiros, os únicos capaces de achegar solidez e sentido prospectivo a unha política que precisa, máis ca ningunha outra, de enfoques pragmáticos, en inevitable e permanente contradición co afán netamente propagandista e sen correspondencia cunha realidade condicionada por unha gran precariedade.

10. A modernización e o cambio social en Galicia non será posible nin completa se ignoramos, desprezamos ou instrumentalizamos a acción exterior con visións de corto prazo. Aos partidos políticos e ao conxunto da sociedade corresponde plasmar ese ambicioso impulso e dotalo dos medios que lle garantan a súa implementación digna e efectiva.

 
 

Igadi, febreiro de 2009.

 
Volver a TitularesVolver a Acción exterior



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 18/02/2009
Fernando Pol


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta